«Cada nome ten unha historia, e a todo o mundo lle gusta saber o que significa o da súa aldea»

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

JOSÉ MANUEL CASAL

A sala multiusos do Concello acollerá ás 18.30 horas unha charla do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia, para animar a conservar este patrimonio inmaterial

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Concienciar aos viveirenses da riqueza toponímica de Galicia é unha das metas da charla que ofrecerá esta tarde en Viveiro (sala multiusos do Concello, 18.30 horas) o filólogo Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

-¿Por que é tan rica a toponimia galega?

-Porque somos únicos en cantidade de topónimos e microtopónimos, que son os nomes das leiras, dos penedos, das rochas do mar... Detrás de cada nome hai unha motivación. É un patrimonio inmaterial que non ten parangón a nivel mundial, e que reside na memoria da xente maior na maioría dos sitios. Nas aldeas cada vez queda menos xente, os nomes das terras só aparecen nos Catastros e moitas veces mal, e quen o sabe é a xentiña maior, que desgrazadamente nos está abandonando. Entre a sociedade, e co apoio do goberno galego, temos que tratar de conservar ese patrimonio. A través dunha aplicación que estará operativa nuns meses para móbiles, tabletas e ordenadores, e que en principio se chamará Galicia Nomeada, a xente vai poder subir os topónimos da súa aldea: dunha fonte, dun cruceiro, dunha leira..., e unha vez que os expertos en toponimia da Real Academia Galega os supervisemos xa se van poder ver a través dunha web. En Viveiro, por exemplo, fixeramos unha primeira recolleita de microtoponimia hai anos e vou explicar como consultala a través de Internet.

-¿Que usos van ter eses datos?

-Toda esa información xeorreferenciada e normalizada pode ter usos para administración local, a loita contra incendios para que os servizos de emerxencias cheguen aos montes, para que as ambulancias non se perdan... Cada topónimo ten unhas coordenadas xeográficas e os GPS que levan os coches poden levarnos ao punto concreto.

-Logo da charla, ¿a xente poderá preguntar?

-Claro, cada nome ten unha historia e a todo o mundo lle gusta saber o que significa a súa aldea. Evidentemente non saberei todas as respostas, sobre todo nos topónimos máis antigos, prerromanos, que ás veces é difícil saber o que significan aínda que teñamos unha noción de que están referidos ás augas, aos montes... Nos latinos, da Idade Media para adiante, xa é máis fácil de explicar.

-¿Algo en relación a Viveiro?

-Viveiro podería estar motivado por ser sitio onde hai unha plantación de árbores, pero ao nacer o núcleo a carón do mar posiblemente fose un viveiro de moluscos. E algún estudoso ten a teoría dun posesor romano que se chamase Vivarius. Pódense establecer distintas hipóteses. ¿Cal é a verdadeira? É difícil sabelo porque non hai documentación exacta. Valcarría posiblemente sexa do latín valem, pero «carría» ten pinta de ser unha palabra prerromana moi antiga que non sabemos que significa. Chavín pode ser a evolución dunha «vila flavini», como as casas de campo dun señor romano. E Landrove pode significar o castro que estaba ao lado do río Landro.

«Todo apunta a que Galdo deriva do antropónimo ‘Waldus’, o nome dun xefe guerreiro xermánico que puido fundar a aldea»