Homenaxe a Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez en Mondoñedo

Xosé Ramón Ermida Meilán

A MARIÑA

CEDIDA

Na madrugada do 12 de xaneiro de 1938 foron executados

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai oitenta anos, falamos do 12 de xaneiro de 1938, eran asasinados en Mondoñedo tres demócratas de practica e convicción. Siervo González Rivas, cincuenta e dous anos, residente na rúa Febreiro funcionario municipal, deixaba muller e catro fillos. Graciano Paz Amieiro, corenta e cinco anos, residente na rúa Bispo Sarmiento, artesán latoeiro, deixaba muller e unha filla. Manuel Rodríguez Núñez, corenta e cinco anos, residente na rúa Febreiro, comerciante, deixaba viúva. Atrás ficaba unha aprendizaxe social partillada nas filas do sindicalismo católico, unha militancia común na única agrupación da Unión Socialista Galega das terras de Lugo, unha practica sindical compartida no sindicato de oficios varios da Confederación Nacional do Traballo e un mesmo final na Rocha, a carón do cemiterio vello da cidade episcopal. Os tres viñan do Mondoñedo civil sobre o que pisou Manuel Leiras Pulpeiro, as súas pegadas están marcadas no Mondoñedo irmandiño de Eduardo Lence Santar e o seu camiño é o que temos por andar as xentes de ben da Galiza enteira.

Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez naceron ao compromiso social na Sociedade de Obreiros Católicos. A entidade, nacida en 1881 baixo o impulso da igrexa e coa intención de apartar aos traballadores das organizacións de clase, non só levará adiante unha encomiábel labor social para garantir ás clases populares uns dereitos que non ofertaba o estado, senón que actuará de viveiro e escola para os futuros dirixentes das organizacións operarias do Mondoñedo republicano. Siervo González e Graciano Paz incorporáronse á directiva do colectivo á volta de 1925, ocupándose o primeiro de diversas vogalías e o segundo da tesoureiro, até xaneiro 1932, momento no que son expulsados da entidade, xunto a preto de oitenta socios, tras denunciar irregularidades na xestión económica da mesma por parte consiliario de Acción Católica Xosé María Agrelo, cuxo nome marcará, en boa medida, o futuro final destes tres mindonienses.

A súa traxectoria política está vinculada á Unión Socialista Galega, aquel partido nacionalista e marxista, impulsado por Xoán Xesús González que tivo o mérito de franquear os vieiros polos que o nacionalismo transitaría a partir dos anos sesenta. A organización bota a andar en Mondoñedo a finais de Febreiro de 1933, presidida por Siervo González Rivas e cunha directiva da que fan parte Graciano Paz Amieiro, Manuel Castiñeira, Anxo Mel Mel, Pedro Nogueira López e Anxo Xesto Cornide, disolvéndose tras as eleccións xerais de 1933 nas que Siervo aparece como candidato do partido ao congreso por Lugo. O partido nestes meses protestará polo incumprimento por parte do Concello da Lei de Termos, demandará solucións para a estrada de Argomoso, criticará a carestía da vida é mesmo organizará unha manifestación con motivo do 1º de Maio de 1933, cunha marcha encabezada pola banda municipal e por un grupo de gaitas.

Os tres, a un tempo, escribiron unha das páxinas máis fermosas da loita operaria na localidade. O proceso de conformación dunha sección local da CNT arranca do ano 1934, ficando testemuño da súa actuación nas páxinas de Solidaridad Obrera, xornal de orientación libertaria da Coruña, no que Siervo González exercía de correspondente en Mondoñedo, dando conta do axir do sindicato na localidade e da situación da clase obreira, cunha denuncia moi clara dos baixos salarios e do incumprimento da lexislación laboral republicana. A organización, presidida por Sirvo González, dará orixe a constitución do Partido Sindicalista na cidade, un grupo seguidor das teses políticas de Angel Pestaña, fundada a finais de 1935 e cuxa directiva estaba formada por Siervo González como presidente, Manuel Castiñeiras como secretario, Xosé María González como depositario, Ánxel Mel Mel como tesoureiro, e Manuel Muiño, Pedro Nogueira Manuel Gesto Cornide como vogais. Unha agrupación irmá da anterior, fundase, ao tempo en Arroxo, dirixida neste caso por Dositeo Fernández na presidencia, Saturnino Basanta na secretaría, Manuel Pedreiro na tesourería e Luis Rodríguez, Xosé Pedreiro e Xosé Rego nas vogalías.

As circustancias políticas, as causalidades máis que as casualidade e a traxectoria militante serán decisivas no asasinato Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. A persecución para estes tres demócratas inícianse após o golpe franquista do 18 de xullo de 1936, sendo sancionados con multas de diversas contías económicas Graciano Paz e Manuel Rodríguez, expulsado a Siervo González do seu posto de traballo como recadador municipal de arbitrios. O 10 ou 11 de febreiro de 1938 son detidos a consecuencia dunha denuncia anónima, conducidos ao cuartel da garda civil, serán executados na madrugada do 12 de febreiro, segundo as anotacións do rexistro civil entre as catro e as cinco da maña, abandonando os seus cadáveres no lugar da Rocha, a carón do vello cemiterio municipal.

Foi un ano negro para Mondoñedo. 1938 comezou co martirio no mes de xaneiro de Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, tento continuidade no mes de xuño coa condena por parte dun consello de guerra n´A Coruña, doutros mindonienses en prisión desde 1936. Os avogados Xosé Sánchez Gacio e Guillerme Otero Vilalba Alvariño serán sentenciados a pena de morte, conmutada posteriormente por cadea perpetua. Alfredo Martínez Martínez, empregado de Cigarrán, Patricio Vixande Vilar, ferraxeiro, Graciano Leivas Freire, mecánico, Constantino Sánchez Gacio e Emilio González Valoría O Purrelo serán condenados a cadea perpetua. O alcalde Xosé Ramón Villamarín Pallín e o médico Xermán Fanego sufrirán penas de seis anos e un día, sentenciando na mesma causa, ao secretario do concello de Alfoz Francisco García Martínez, neste caso a cadea perpetua, e ao alcalde dese municipio Eloi Castro Dorrego, a 12 anos e un día.

Na madrugada do 12 de xaneiro de 1938 foron executados

Un ano negro para Mondoñedo, coa condena doutros mindonienses