«Si subiu o prezo do leite, pero as granxas non están para tirar foguetes»

«A falta de relevo xeracional é unha realidade da que non se está a falar», di Antonio Villarino, coordinador comarcal do SLG

.

ribadeo / la voz

Os datos do Fondo Español de Garantía Agraria indican que o prezo medio ao que se pagou o leite galego en 2017 estivo, por primeira vez dende decembro de 2014, por riba dos 31 céntimos. ¿Un alivio para as granxas galegas? Eses 31 céntimos é a cantidade que o propio Ministerio de Agricultura establece como a mínima para que as explotacións gandeiras de leite sexan rendibles. Un dato elocuente, tendo en conta a cantidade de meses que as granxas estiveron cobrando o leite por debaixo desa cifra. Pero esta mesma fonte aporta outro dato: os produtores galegos, aínda coa suba, cobran 1,1 céntimos menos que a media española. E outro máis: o número de explotacións segue baixando.

Para o portavoz comarcal do Sindicato Labrego Galego, Antonio Villarino, o balance do ano non se pode facer tomando solo como referencia o prezo do leite.

-Este ano foi bo, dependendo con que se compara. Se se fai co 2015, sen dúbida foi mellor, pero cando falamos de rendibilidade das explotacións o prezo non é solo o relevante. Nestes dous últimos anos foi tan importante que o cereal mantivese un prezo estable, nada que ver co 2012, cando cos mesmos prezos do leite que temos hoxe, entón resultaban ruinosos. O respiro para as granxas veu polo prezo do leite, pero incluso en maior medida porque o do cereal e o do petróleo se mantiveron estables. Nun mundo globalizado todo inflúe nos custes de explotación.

-Pero este ano é dos que podemos dicir que foi bo, ¿ou non?

-Digamos que as explotacións de leite están no limiar da rendibilidade, pero nada para tirar foguetes. Seguen pechando granxas e segue sen haber relevo xeracional, co cal non creo que a situación sexa para que alguén se apunte un tanto.

-¿E cales son as perspectivas?

-Dependen de moitos factores, de cuestións estruturais e das políticas que determinan as condicións do sector, que distan moito de estar solucionadas. Séguese apostando por implementar a produción, para que a industria europea poda vender os excedentes fóra da Unión Europea, e neste contexto o prezo vai depender de todas esas variables. O que quero dicir é que non hai nada que nos faga pensar nunha garantía a medio ou longo prazo. A evolución do sector vai depender do contexto internacional.

-Falaba da falta de relevo nas granxas. Este ano foi noticia a puxa de vacas que organizou a gandería Nodi de Vilamartín Grande (Barreiros) pola xubilación dos titulares e porque os seus fillos non quixeron seguir con ela, pese a ser unha das granxas máis premiadas tras apostar pola mellora xenética. Significativo, ¿non?

-Iso fala da situación real do sector neste momento. Está claro que as granxas seguen con moitísimos problemas, e que segue sen haber unhas expectativas claras para o futuro. Que unha granxa se poda soster ou non depende absolutamente de moitísimos factores que poden xerarse no mundo e que poden influír nos prezos. Neste caso, esta explotación organizou unha puxa moi chamativa antes do peche, pero isto está pasando todos os días, sen tanta repercusión mediática. Casos así, de fillos na explotación que teñen traballos vinculados ao sector gandeiro e a quen lles resulta máis atractivo seguir en outras empresas que na súa propia granxa, hai moitos. É unha realidade da que non se está a falar no sector.

-Outra noticia foi o que baixou o prezo da faba.

-Foi consecuencia, máis que polo aumento de produción con xente que non puido cultivar pataca, polos bos prezos que tivo a faba nos anos anteriores. O tempo foi bastante bo, produciuse moito e o prezo baixou. Isto leva a reflexionar con que non nos podemos especializar nun so cultivo, porque é moi arriscado. Dende sempre os labregos tiñan varios cultivos, por se viña mal dado un tirar do outro.

«Entendo que de momento CLUN non tivo ningunha incidencia na Mariña»

-O ano 2017 comezou coa que se presentou como unha das grandes novidades do sector agrícola-gandeiro galego nos últimos tempos: a creación de CLUN, a cooperativa que agrupou a Feiraco (Ames), Os Irmandiños (Ribadeo) e Melisanto (Melide), coa perspectiva de ser o xerme do gran grupo lácteo galego. Villarino opina que, de momento, non tivo ningún efecto nos gandeiros e agricultores da comarca

-Entendo que de momento non tivo ningunha incidencia para A Mariña. E para a masa social de Os Irmandiños pouco cambiou neste ano. É boa cousa que sexa unha cooperativa maior, con máis socios, pero a outros efectos non tivo, penso, ningún efecto.

-Outra noticia salientable neste ano que remata foi a da praga da pataca, a súa xestión e a prohibición de cultivala na Mariña, que seguirá vixente o ano que ven. Neste punto, Villarino é crítico.

-Esta praga fala dos riscos do cambio climático e da globalización do comercio, cuestións que deberían deixar algunhas ensinanzas para o futuro. Da xestión que se fixo hai que dicir que foi tarde, mal, a rastras e a contrapé. Se os datos da presenza da couza estaban a disposición da Consellería en novembro de 2016 e non se fixo nada hasta xaneiro; despois non se prohibiu, pero recomendouse que non se cultivara, e ao final chegou o veto porque o Ministerio de Agricultura tomou cartas no asunto, penso que deberíase ter actuado con máis axilidade, e tamén asumir as responsabilidades políticas quen tivera que facelo e tomar a decisión de prohibir plantar. Agora haberá que esperar ata o ano que vén, cando seguirán coas medidas de contención, para ver se a praga queda aí, como desexamos todos, e non vai a máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Si subiu o prezo do leite, pero as granxas non están para tirar foguetes»