«Parecíame unha ocasión única para pór en valor a cultura destes cen anos»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O cervense José Arnau Sierra, vicepresidente de Inditex, prologa a publicación da que é autor Francisco Piñeiro

27 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cen anos pasaron dende o nacemento das Escolas de Cervo, ou Escolas Vellas. Crónica Histórico Literaria na Parroquia de Santa María de Cervo. O valor da cultura é o libro no que o cervense Francisco Piñeiro volve a amosar a súa paixón pola historia local recollendo ese e outros fitos históricos cervenses. Será presentado na xornada conmemorativa do centenario, este sábado.

-Fixera xa algo similar no das Escolas de San Román, en 2015.

-Esta parecíame unha ocasión única para pór en valor a cultura destes cen anos. O distrito escolar de Cervo era o das parroquias de Santa María e Sargadelos. Por 1877, dende que parou a fábrica de Sargadelos, celébrase unha xunta en Cervo onde din que de todos os municipios que había na comarca o que máis necesitaba unha escola era o de Cervo. Emigrantes que marcharan coma Álvarez de San Román e Crego de Cervo tiñan certa amizade porque ían xuntos á escola de Manuel Rodríguez, que foi mestre alí durante 40 anos.

-Como serán os actos do sábado?

-Este sábado coincide co mesmo día do centenario. O programa é case copiado ao da inauguración. Empezaran no consistorio vello, que agora é o ecomueso, acompañados da banda de Os Exploradores de Viveiro. Aquel era o primeiro lugar onde tocou e saíron en pasarrúas. Nós faremos ao revés, sairemos das Escolas, levaremos os gaiteiros e iremos cara o consistorio vello onde está a exposición Cervo na memoria. Despois sairemos en pasarrúas para o concello novo.

-Cales foron os usos do edificio?

-Funcionou como escola ata 1982, cando se empezou a facer o colexio novo. Unha vez deixou de ser escola empregouse como local social de Airiños do Xunco, que tivo que deixalo para a Escola Taller. Logo a asociación volveu para alí. Tamén servíu de local da Asociación de Veciños Cervo-Sargadelos e da Sociedade Deportiva Cervo-Sargadelos.

-Algún cervense de renome ou coñecido estudou alí, por certo?

-Ao acto traio a Paco Rivas, quen naceu en Cervo pero non veu a esta escola. Si que estudou alí un ano o prologuista do libro José Arnau Sierra [vicepresidente de Inditex]. Ademáis procede dunha familia que foi, quizás, a base fundamental das propostas para facer a escola. O irmán de súa avoa estaba emigrado na Arxentina. Chamábase Ramón M. Fernández Alvárez, de Daián. Era o presidente de Hijos del Partido de Vivero en Bos Aires, porque había Hijos de Vivero pero con socios en Cuba. Os de Cervo estaban en Bos Aires. A avoa de Arnau foi a madriña do acto de entrega e o pai un membro do comité local que promoveu a escola, con José Álvarez Fernández (presidente), José María Crego, Justo Basanta Mariño...

-Cantas fotos forman parte da exposición que se inaugurará?

-As fotos son as que van no libro e outras que non puiden meter nel, que ten 184 páxinas, por falta de espazo. Hainas espectaculares como unha da Praza do Souto cando non había ningunha casa arredor, de 1901 ou 1902, e outra de Cuíña cando aínda non había nin un eucalipto. A destacar, a fotografía de Emilio Rodríguez Eijo que foi o que fixo a carretera de Cuíña. É especial a foto e o protagonista porque o nomearon Fillo Predilecto, igual que a Álvarez, pero no seu historial non fun capaz de descubrir o que pon. Si que descubrín que tiña unha tabacalera que vendía ao mes... seis millóns de cajetillas! Sufríu as primeiras folgas femininas en Arxentina. Teño que dicir que a maior parte da historia de Cervo recolleuna un cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar, porque tiña en Cervo un tío que era notario. Recolleu crónicas, como por exemplo, un motín que houbera das mulleres de Cervo, que se sublevaran porque lles cobraban moito os bens de consumo e ata entraran na casa consistorial botando a pedradas ao alcalde. Foi de película...