O Hospital de Día Oncolóxico «evitou 12.500 desprazamentos»

s. c. / d. g. SANTIAGO / VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O titular de Sanidade falou no Parlamento do Hospital da Costa

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Sanidade, Jesús

Vázquez Almuiña, detallou onte no pleno do Parlamento de Galicia, as melloras postas en marcha polo Sergas no Hospital da Mariña nestes últimos anos. Ao respecto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que, coa posta en marcha do hospital de día Onco-Hematolóxico, que evita os deprazamentos dos pacientes, atendéronse 3.600 doentes que recibiron uns 14.000 tratamentos, dos que máis de 8.000 eran de quimioterapia.

Ademais do campo da Oncoloxía, coa realización de probas e consultas, «pódese dicir que o número de desprazamentos evitados foi de ao redor de 12.500». O conselleiro Vázquez Almuiña subliñou que «nos últimos anos, non só non diminuiu, senón que aumentou a carteira de servizos e o número de prestacións no Hospital da Mariña».

Outras melloras implementadas no Hospital da Mariña, e lembradas por Almuiña na súa intervención, foron «a reforma e ampliación da unidade de endoscopias dixestivas, da unidade de rehabilitación e da de farmacia. Ademais, renovouse a área de quirófanos e esterilización, o servizo de oftalmoloxía, o de uroloxía e o de anestesia e reanimación, non só no que se refire á infraestrutura e equipamento, senón, tamén, a persoal».

Almuiña destacou a posta en marcha do servizo de hospitalización a domicilio, «coa conseguinte adaptación de espazos e dotación de vehículos oficiais do Sergas; e do sistema de triaxe Manchester no servizo de urxencias do hospital, tamén con obras de reforma».

«Igualmente, -dixo o conselleiro-, o Plan Director elaborado, que abrangue a ampliación e remodelación de todas as unidades, permitirá seguir mellorando e incrementando a prestación asistencial. Dito plan supón un investimento de obra de 10,2 millóns de euros na fase I», explicou.