«Agora mesmo non cambiaría o Noia por ningún equipo, nin polo Burela»

J.I.M.

A MARIÑA

OLAIA NOIA FS

O focego cre que o seu equipo terá moito que dicir no derbi do sábado se sae á pista «convencido»

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O conxunto masculino do Pescados Rubén-Burela pechará a primeira volta do campionato e o 2017 cun derbi galego que non parece demasiado comprometedor. Malia á vitoria por 3-1 ante o Manzanares, o Noia chegará o sábado á Vista Alegre (18.30 horas) con só 10 puntos e mirando de reollo aos conxuntos que nestes momentos enchen a zona de descenso. E nas súas filas, dous mariñáns e exburelistas: Chrisrian Chao e Rubén Rodríguez, Xuxa (Foz, 1988). Este último cumpre a súa cuarta tempada a bordo do conxunto barbanzano despois de pasar pola canteira do Burela, o Prone (en dúas etapas), o Lanzarote, o Andorra e a liga chipriota.

-Será a primeira vez que veña como inimigo ao Vista Alegre?

-Non. Vin co Andorra, pero non gardo moi bos recordos daquel encontro porque perdemos, aínda que foi o agardado. Nós loitabamos por non baixar e eles eran un equipazo, con Juanma, Dani Martín, Javi Rodríguez, Christian..., que buscaban o ascenso a Primeira División.

-Desta volta o favorito tamén é o Burela.

-Por suposto. Por clasificación, por presuposto... Por todo.

-Tamén por plantilla?

-O Burela é un equipo profesional no que á maioría dos seus xogadores sóbralles experiencia, e nós..., pois iso, somos semiprofesionais. Moitos compaxinamos o fútbol sala co noso traballo.

-Sería una sorpresa a vitoria do Noia.

-A priori si, pero non a descarto. Nesta categoría estase vendo que calquera lle pode gañar a calquera. Vimos de gañar despois de seis derrotas consecutivas e chegaremos con ánimos moi reforzados.

-Que lle preocupa do Burela?

-Preocúpame máis o meu equipo, a súa mentalidade. Si xogamos convencidos e cunha mentalidade gañadora seguro que imos ter opcións, como fixemos ante o Manzanares.

-Ve o equipo mariñán como un aspirante ao ascenso?

-Por suposto, o Burela sempre é favorito. Hai equipo moi bos, como o Valdepeñas, os dous filiais, o Puertollano ou o Antequera, pero véxoo entre os catro primeiros ao remate do campionato regular.

-Xa leva catro tempadas no Noia. Non ten ganas de cambiar de aires?

-En absoluto. Estou moi ben aquí, ca moza, traballando, nun equipo serio... Sempre fun de viaxar e probar experiencias novas, pero debe ser que me estou facendo vello (risas).

-Vouno poñer nun apreto. Imaxine que o chama o Pescados Rubén-Burela?

-Estaríalle moi agradecido e sería un honor porque é un club con solera e prestixio no fútbol sala español, pero agora mesmo non cambiaría o Noia por ningún equipo, nin polo Burela.