«Non hai fin de semana que non estea pendente do resultado do Burela»

A MARIÑA

CEDIDA

Recoñece que «foi unha decepción» quedarse fóra da Copa de España e insiste en que lle gustaría volver a vestir de laranxa

14 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Míguez (Burela, 1991) atende a La Voz o martes a media tarde desde a concentración do Catgas Energía en Zaragoza, onde poucas horas despois se disputaba un dos poucos partidos intranscendentes da derradeira xornada da primera volta na Pimeira División de fútbol sala. O seu equipo chegaba a esa cita sen posibilidade ningunha de meterse entre os oito primeiros para disputar a Copa de España, na que si estará o conxunto maño.

-Como lle van cousas por Santa Coloma?

-Moi ben, encóntrome moi a gusto desde o primeiro día, mellor incluso do que esperaba. A adaptación foi fácil porque tanto a afección como a directiva recibíronme cos brazos abertos e na plantilla, como chegamos tantos xogadores novos, fixemos piña moi rápido.

-A terra sempre tira...

-Claro que tira, e moito. A morriña é inevitable, sempre está aí, boto moito de menos á familia e aos amigos. De momento non tiven moita ocasión de pasar uns días na casa, quedeime cando xogamos en Santiago e Ferrol, pero foron visitas moi curtas.

-Aquí causa moita sorpresa a irregularidade do Catgas

-A traxectoria non está sendo a esperada, niso coincidimos todos no equipo. A pesar de facer unha pretempada moi boa, custounos arrancar por varios motivos. O noso maior lastre foron as lesións. De momento nunca puidemos afrontar un encontro co equipo ao completo e houbo partidos nos que só dispuxemos de dous ou tres cambios, e así é difícil competir.

-Foi unha decepción quedarse fóra da Copa de España?

-Claro que foi unha decepción porque era o obxectivo que nos marcamos, pero estamos medrando, imos a máis e estou seguro que poderemos desquitarnos so final de liga xogando as eliminatorias polo título.

-Como é o Catgas? Din que garda moitas semellanzas co Pescados Rubén-Burela...

-É certo, son clubs cun funcionamento moi parecido. Os dous teñen estruturas moi consolidadas e fan un traballo extraordinaria coa canteira, ademais de ser clubs nos que xamais se perde a seriedade.

-Volverémolo a ver vestido de laranxa?

-Xa o dixen cando me fun. O Burela é a miña casa, levareino sempre no meu corazón e deséxolle o mellor. Algún día gustaríame volver.

-Segue a súa actualidade?

-Non hai fin de semana que non esta pendente do resultado do Burela.

-Algunha mensaxe para Matamoros?

-Xa tiven ocasión de falar con el. Mándolle toda a forza e os meus mellores desexos na súa recuperación. Estou seguro de que vai saír adiante como saíu das anteriores lesións e volverá con máis forza que nunca. É un xogador imprescindible para o Burela.