Mariana Pineda e Alfoz

Suso Fernández OPINIÓN

A MARIÑA

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariana Pineda, nada en Granada en 1804, foi unha heroína que, no século XIX, loitou pola causa liberal, e morreu executada a garrote vil naquela cidade en 1831. Moi xove empezara a involucrarse coa «causa» e cada vez máis en contra dos partidarios do absolutismo e do rei Fernando VII. Nun rexistro da súa casa, Ramón Pedrosa e Andrade, comisionado especial para as causas contra a Seguridade do Estado, especie de policía política, requisa unha bandeira de dous metros por un, na que se bordara con fío vermello o lema liberal: «Igualdade, Liberdade e Lei».

Mariana é arrestada, acusada de conspiración e encarcelada. Ela, que non sabía bordar, encargara o traballo a dúas criadas. Durante o xuizo, Pedrosa intenta convencela de que delate ás súas cómprices a cambio de perdoala; pero négase e Fernando VII asina a sentencia de morte. Federico García Lorca inmortalizou o episodio coa obra dramática Mariana Pineda, romance popular en tres estampas; no VII tomo da interesante serie «Mondoñedo, regreso al pasado», recopilación de artigos publicados en diversos medios polo primeiro cronista oficial de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar e Guitián, realizada polo mindoniense Isidro Fernández.

Grazas á publicación do amigo Isidro, soubemos que don Ramón Canosa, quen levou ó cadalso á liberal Mariana Pineda, era un mariñán de Adelán-Alfoz, nado en 1786, na súa casa de Escoura; que fora procurador xeral do concello de Mondoñedo e xefe político do distrito; abogado da Real Audiencia de Galicia; alcalde maior e do Crime da Chancillería de Granada. Pedrosa, detrás de Pineda moitos anos, detívoa baixo arresto domiciliario, mentres obrigaba a esconder a bandeira na casa, para que a policía atopara a proba de delito.

Pasado un tempo, en Escoura, en Adelán (Alfoz), presentáronse 36 soldados que o conduciron preso ó Castelo de San Antón, situado na Coruña, onde se formou causa, sendo desterrado por seis anos a Filipinas. Tempo máis tarde marcharía a Roma, onde finou.

*Suso Fernández, cronista oficial de Foz.