Xosé María Cao Luaces, un caricaturista de Viladesuso

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTEALGUNOS DATOS

A MARIÑA

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día coma mañá, 13 de decembro de hai 155 anos naceu en Viladesuso (Cervo) José María Cao Luaces, o creador da caricatura política arxentina. O vindeiro 27 de xaneiro cumpriranse cen anos do seu nacemento. Cao Luaces estivo rodeado de actividade artística desde o seu nacemento, o seu pai traballaba na fábrica de Sargadelos, empresa na que Xosé María iniciaría a súa actividade profesional aínda sendo un pícaro ata o peche da factoría en 1877.

Con quince anos trasladouse a Xixón para traballar como axudante de pintor na fábrica de louza “La Asturiana” ao carón do escultor ribadense José María López Rodríguez. Despois de pasar un tempo en Madrid e na Coruña desempeñando diferentes traballos, emigrou en 1886 a Buenos Aires.

En Arxentina adicouse inicialmente a facer caricaturas na rúa ata que dous anos máis tarde do inicio da súa aventura americana compra unha parte dun obradoiro de gravados ao tempo que exerceu como mestre nun colexio e colaborou en varias revistas facendo retratos. Cando tiña 25 anos comezou a traballar na revista Don Quijote onde tivo como principal cometido caracaturizar aos membros do goberno arxentino, motivo polo cal estivo en prisión en máis dunha ocasión. En Don Quijote coñeceu a José Sixto Álvarez xunto ao que traballou na revista Caras y Caretas. O xornalista mariñán Martín Fernández nun amplo artigo adicado a Xosé María Cao publicado neste mesmo xornal o 28 de novembro do ano pasado afirma que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi seguidor da obra de Cao Luaces a través de diferentes publicacións arxentinas, o rianxeiro xa emigrado “copiaba e imitaba” os debuxos do de Cervo. O debuxante Siro López encargouse o ano pasado de recuperar e divulgar a figura de Xosé María Cao a través de conferencias e unha exposición itinerante que percorreu diversos lugares de Galiza.

Outro debuxante

Pouco despois de que Xosé María morrena en Lanús, Arxentina, escribía en Galicia pintoresca Benigno Cuadrado: «En José María Cao había siempre, más o menos patente, la preocupación social y un anhelo progresista. Todo lo que salía de sus manos hacía una sociedad y un mundo mejor. Fustigaba riendo como Juvenal a los obreros de las iniquidade del presente, a las falsas grandezas, a los infatuados y vacíos, a muchos grandes políticos de Europa y de América que por veces se vengaron de él... llevándole a la cárcel».

Non podo rematar este artigo sen lembrar que en Viladesuso naceu tamén outro gran debuxante que ademais ilustra desde hai un ano os artigos desta sección, Antón Caxoto, quen ten aberta ata o vindeiro 14 de xaneiro unha exposición no bar O Porriño, de Mondoñedo na que expón unha selección de ilustracións das cincuenta publicadas no último ano n´O Outeiro de Mondoforte.