Pola xubilación de Antón Niñe

Sara Gil Cordido OPINIÓN

A MARIÑA

11 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegada a este punto, cada vez teño máis presente que a vida é unha constante de cerrar etapas. Neste mes de decembro estamos ás portas de comezar un novo ano, no que o IES Perdouro terá que engadir un nome ao seu pasado (tan presente). Como entender a partires de agora este centro sen ter a Antón Niñe Fernández paseando polo corredor? Non é nada doado para as xeracións que durante seis setembros da nosa vida recibimos un novo curso académico da súa man. Dise rápido, mais pararse a pensar nun profesor co que medraches dende o primeiro ata o último curso de instituto, co que maduraches durante seis anos da túa vida, non é tan doado de asimilar. Non hai ninguén que poida dicir que viviu ese proceso cara a cara con varias decenas de corazóns que estaban na súa época máis tola.

Medramos ao seu carón... e el medrou con nós. Porque si, houbo un día no que Antón chegou á clase e ensinounos algunhas fotografías da súa voda. Porque si, nós vivimos a etapa do seu casamento. Mais houbo tamén un día no que Antón nos ensinou fotos do seu fillo, que acababa de coñecer o mundo. Porque si, nós alegrámonos dende o primeiro momento por ese meniño que chegaba á súa vida. Porque nós, dende as nosas parvadas adolescentes felicitámolo por ser pai. E iso, non pasa con calquera. E tamén vivimos algunha que outra baixa por problemas de saúde e desexamos con todas as nosas forzas que el

volvera canto antes. Dalgunha maneira, “relixión” só tiña sentido se ía ligada ao seu nome.

E con Antón tivemos debates sobre a propia relixión, sobre as parellas, sobre a homosexualidade, sobre o aborto, sobre a Igrexa, sobre Deus, sobre a adolescencia e sobre todo o que nos bulía pola cabeza. Cando moita outra xente non se sentaba a falar con nós, el facíao. Porque Antón pasou de coñecernos no instituto a coñecernos como persoas; de coñecernos como alumnos a coñecernos como uns adolescentes aos que escoitar tamén fóra das paredes do Perdouro.

E houbo días nos que lle entregamos tarde as postais, días nos que copiamos nos seus exames (sentímolo, Antón) e días nos que nos tivo que berrar un chisco porque non parábamos de falar. Pero o importante é que nos apoiou se tiñamos algún problema, que nos aconsellou para tirar sempre adiante cando o precisamos, que nos aportou valores fermosos e que nos puxo fronte a nós a bondade feita persoa. Con transparencia, con cariño, con tenrura, con dedicación.

Os mesmos valores cos que seguirá percorrendo o camiño da vida aló onde o leve, os mesmos valores cos que abrazará aos seus seres máis queridos nesta época tan distinta que chega agora. Os mesmos valores que se nos virán á mente cando este 15 de decembro se lle diga «ata pronto» por todo o alto ou sempre que o saudemos pola rúa, onde sexa. Con sorrisos na boca.

Grazas por todo o que nos aportaches. Que a vida te trate con toda a bondade do mundo.