«Abrimos a billa e parece que nunca se vai acabar a auga... pero acábase»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Unha mostra de aforro no fogar abre en Burela co lema «vivir mellor con menos»

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un dito aplicable a diversos sectores da vida e moi repetido nos últimos tempos: menos é máis. O mesmo se podería dicir do medioambiente, no sentido en que se aforramos todos, aportando cada un o seu grao de area dende a súa casa, a terra gañará en calidade de vida. É a nosa gran casa, ao fin e ao cabo. A que o fogar, ademáis de doce sexa sostible, contribúe unha didáctica exposición recén aberta na Casa da Cultura de Burela da man da delegación municipal de Medio Ambiente que leva Noelia Ben e o Centro Nacional de Educación Ambiental: «Esta exposición xorde no ámbito do Programa Educativo Fogares Verdes do Ceneam, que comezou a súa andaina en 2006 como unha iniciativa piloto dirixida a familias preocupadas polo impacto ambiental e social das súas decisións e hábitos cotiáns».

-Cal é o obxectivo da mesma?

-Acompañar ás familias no proceso de cambio cara a unha xestión máis responsable do seu fogar, promovendo o autocontrol do consumo doméstico de agua e enerxía introducindo medidas e comportamentos aforradores axudando a facer unha compra máis ética e máis ecolóxica.

-Saberemos, chegado o momento, vivir mellor con menos? Porque a realidade parece que vai polo lado contrario. Exemplo, seguimos malgastando auga e iso que hai xa alerta por sequía.

-Si, o da sequía é un problema gordo. En A Mariña tamén hai alerta. Agora mesmo, a sociedade é bastante consumista. Con todo. Abrimos a billa e parécenos que nunca se vai acabar a auga. Pero acábase. A poboación é a primeira que ten que resolver, xa non digo os políticos que tamén teñen que facer o seu traballo.

-Somos nós, logo, a primeira liña de defensa...

-Primeiro temos que coidar o que temos, pero tamén dende arriba non se está a facer nada.

-Estamos a chegar algo tarde?

-Creo que si. Vexo algunhas urbanizacións que se fixeron e se non había auga para tantas vivendas, como é que se fixeron igual?. O urbanismo foi medrando pero tes que saber os recursos cos que contas. A veces cárgase todo aos concellos pero estos tampouco teñen os mecanismos.

-Nós, no día a día, que podemos facer para contribuír a un mundo máis sostible?

-O típico. Hai filtros para poñer na billa que reducen o consumo de auga, ao tirar da cisterna dárlle ao pulsador de media carga, intentar xenerar menos residuos porque canto máis levamos para Sogama, máis hai que transformar e máis emisións se botan, aproveitar mellor os alimentos que nos quedan... Cando se me estropeu a campana da cociña fun mercar unha e vin unha coa etiqueta «eco» e dixéronme que consume menos pero miro as especificacións e resulta que consumía máis que unha normal. Hai que mirar con lupa, todo! Tamén na casa se poden cambiar as bombillas tradicionais por leds e ata se nota na factura, que é importante, cerrar a billa mentras nos enxabonamos na ducha ou mentras lavamos os dentes, esperar a cargar de todo a lavadora e o lavavaixelas, facer como facían as nosas avoas a cociña de aproveitamento, etcétera. Aquí en Burela tamén repartimos composteiros e houbo moita xente interesada, sobre todo de casas con fincas ou cunha terraza.

-Como ve os máis pequenos en materia medioambiental? Aforran tamén na casa?

-Os pequenos están máis concienciados. Facemos todo o ano actividades nos coles. O meu ten sete anos e máis concienciado non pode estar. Na nosa casa ímolo facendo bastante ben. Eles están aprendendo xa dende pequenos, non é coma nós que temos o vicio feito e é máis difícil de correxir.

-É, entón, unha cuestión de educación ecolóxica, verdade?

-Si. De feito, nos colexios sempre nos din que non queren sacar a programación medioambiental. Somos o único concello da Mariña cun centro de educación ambiental, Gaia, no que temos dúas monitoras. Leva dez ou once anos xa funcionando.

-A quen recomenda visitar a exposición burelense?

-Se eres unha persoa á que lle gusta non malgastar enerxía e queres ser máis sostible.