«Rematar a primeira volta con 35 puntos non estaría nada mal»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Rafa Casanova cre fixeron partidos mellores que o último no Pepe Barrera ante o Sofán, no que golearon (4-0)

05 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Só quedan tres xornadas para alcanzar o ecuador do campionato no grupo norte de Preferente e o Ribadeo FC, impulsado pola goleada ante o Sofán, proponse sumar os nove puntos en xogo para seguir nos postos de privilexio e encarar a segunda volta cunha puntuación máis que esperanzadora. Rafa Casanova (Friol, 1982), o seu capitán, non cre que o reto sexa imposible, se ben avisa que será necesario reducir o promedio de goles en contra.

-Despois da visita ao San Tirso recibirán ao As Pontes, e rematarán a primeira volta no campo do Xallas. Cren posible gañar os tres partidos?

-Por suposto. Aínda que aquí calquera te pode sorprender si non das o que hai que dar, o rival máis forte dos tres é o As Pontes e ten que vir ao Pepe Barrera.

-Chegarían aos 35 puntos, unha cifra interesante...

-Rematar a primeira volta con esa puntuación non estaría nada mal, e podemos facelo. Estaríamos moi arriba na clasificación e comezaríamos a segunda volta con más ilusión aínda.

-Pero a regularidade non está sendo uns dos puntos fortes deste Ribadeo.

-De momento non, é certo, estamos dando unha de cal e outra de area. Teremos que ser máis constantes se non queremos perder de vista esas primeiras posicións.

-Cal e o maior problema?

-A cantidade de goles en contra que levamos é un hándicap importante. Se deixamos a portería a cero con máis frecuencia seguro que chegará a ansiada regularidade.

-Ante o Sofán ese obxectivo cumplírono.

-O resultado xa o di todo. Foi un partido moi cómodo.

-Foi a maior vitoria do Ribadeo no presente campionato.

-Non foi o noso mellor partido, pero tivemos o acerto no remate que nos faltou outra veces. Houbo encontros nos que demos unha mellor imaxe.

-Por exemplo?

-Ante o Paiosaco fixemos un partido bastante máis completo.