Grazas, Antón Caxoto

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

CAXOTO

28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para min é un luxo -e tamén unha reponsabilidade á vez- poder publicar cada semana un artigo dentro dunha sección fixa como é esta na Voz e moito máis desde hai un ano por iren os meus escritos ilustrados con viñetas orixinais feitas ex profeso por Antón Caxoto.

O outeiro de Mondoforte apareceu por primeira vez o 26 de febreiro de 2016 como unha sección semanal no programa Voces da Mariña que, desde Radiovoz, era emitido polas emisoras de Viveiro e Ribadeo para todo o norte da provincia de Lugo. Foi a proposta de Félix Jorquera, o locutor do programa, o impulso suficiente e necesario para intentar manter unha colaboración semanal. Non era a primeira vez que algún medio mo propoñía -refírome a unha colaboración semanal-, pero si foi a primeira vez que aceptei. Creo, que axudou moito á decisión que a emisión fose radiofónica, medio no que colaborei en diferentes etapas desde os 16 anos e no que me sinto moi cómodo. Medio ano máis tarde O outeiro de Mondoforte aparece cada martes tamén nas páxinas de A Mariña de La Voz de Galicia. Ata o momento van publicadas arredor de 90 entregas, das cales 50 -todas desde hai un ano- levan debuxos do amigo Caxoto. Na radio houbo un parón duns meses, por motivos de saúde, pero agora O outeiro de Mondoforte segue a emitirse en Radiovoz para todas as emisoras da provincia de Lugo.

A primeira vez que oín falar de Antón Caxoto foi na inauguración do Parque do Seminario de Mondoñedo. Os rapaces de Xoldra puxeron o seu empeño en mellorar aquel lugar para poñelo a disposicion de todos como zona de recreo e esparcemento. Nun dos muros había uns murais que moito me gustaron, foran executados pola xente de Xoldra coa colaboración do Garabateiro Caxoto. Empecei a interesarme polo seu traballo, parecíame fresco e espontáneo. Hai agora tres anos propúxenlle ilustrar a serie Crónicas das San Lucas que se publica neste mesmo xornal desde entón durante os días de celebración das feiras máis antigas de Galiza -xa van 18 entegas-.

O ano pasado, o día de Santa Cilla cadraba martes e quixen facer un Outeiro de Mondoforte un pouco especial lembrando a tódolos músicos da Mariña, pero en especial aos que foron compañeiros na Banda de Música da Asociación Cultural Pascual Veiga. Para darlle máis viveza ao texto pedinlle a Antón que o ilustrara. Foi unha petición puntual, a sorpresa chegou no momento no que durante unha conversa telefónica o debuxante me propón ilustrar de xeito habitual O outeiro de Mondoforte.

Exposición en Mondoñedo, o sábado no Porriño

50 historias e 50 viñetas nun ano ben merecen unha celebración e, con tal motivo, está prevista unha exposición cunha selección dos traballos publicados no último ano nesta sección que estará aberta durante todo o Nadal no bar O Porriño de Mondoñedo e que será inaugurada o vindeiro sábado, 2 de decembro ás catro e media da tarde. Por suposto vostede, amigo lector, está convidado.

Antón Caxoto é un tipo grande en tódolos sentidos, cun gran corazón que non lle cabe no peito, traballador incansable e sempre ten un sorriso na cara e palabras, xestos e feitos de ánimo e alento para os que a el se achegan. Moitas grazas, Antón.