«A historia nunca se repite, nin os erros que se cometen son os mesmos»

José Francisco Alonso Quelle
JOSÉ ALONSO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

J. ALONSO

Xosé Ramón Veiga Alonso acaba de publicar o seu quinto libro, sobre a transición do absolutismo ao liberalismo nas provincias de Lugo e Mondoñedo

27 nov 2017 . Actualizado a las 16:21 h.

O profesor e historiador focense Xosé Ramón Veiga Alonso (Villaronte-Foz, 1968), ven de publicar o seu quinto libro, no que analiza unha etapa histórica apaixonante da que probablemente moito se podería aprender nestes tempos. En «Poder e política na Galiza vilega. 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo», Veiga Alonso aborda un período convulso, de transición do absolutismo ao liberalismo, da decadencia do antigo réxime fronte á alternativa constitucional que xurdiu das cortes de Cádiz en 1812. E faino dende o ámbito local, analizando os movementos nos poderes locais nas antigas provincias de Lugo e Mondoñedo, poñendo o acento nestes concellos e nos de Viveiro e Ribadeo, como un reflexo do que ocorría no conxunto do estado. O seu libro, recentemente publicado por Bolanda, está á venta xa nas librarías da provincia, como froito de dez anos de investigacións.

-¿Por que esta etapa histórica?

-Porque é pouco coñecida e entendo que é fundamental para comprender o século XIX. Tamén é un período pouco traballado dende o punto de vista da historiografía, e por iso decidinme a investigalo. Polo demais, como calquera etapa de transición, é moi interesante.

-Neste libro recompila o froito de dez anos de traballo.

-Dez anos, si, pero dez anos non a tempo completo, senón nos que lle dediquei o tempo que puiden. Claramente, son demasiados anos, pero teño outras obrigas académicas que atender. Isto, a labor de investigación e publicación forma parte do meu traballo, pero é só unha parte, aínda que me gustaría dedicarlle máis tempo.

-Cando se fai un traballo deste tipo, digamos, tan elaborado e minucioso, con tanta información, ¿cal é o público ao que vai dirixido?

-Non solo para a comunidade académica, senón para todos os interesados en coñecer as orixes do sistema liberal na actual provincia de Lugo.

-Parece que hai un tópico que di que esquecemos a historia e por iso volvemos a repetir os erros. ¿Está de acordo?

-Temos pouca conciencia histórica, certo, pero a historia nunca se repite nin os erros que se cometen son os mesmos. Sei que isto dito por un historiador pode que non soe, digamos, politicamente correcto, pero é o que penso. A historia non se repite nin os erros son os mesmos porque as circunstancias son diferentes. Podes ter referentes no pasado, pero intentar aplicar receitas do pasado ao actual non creo que sexa o axeitado, non ten moito sentido. Iso si, na historia hai cousas que non se deben repetir, pero iso que se di agora de recuperar o espírito da transición, pois penso que como frase pode soar ben, pero levalo á práctica non ten fundamento, porque a situación actual nada ten que ver coa da transición. ¿Ou acaso agora estamos saíndo dunha ditadura? Ademais, o espírito da transición téndese a ver dunha forma moi benévola, cando as cousas non foron tan simples; aí está o papel que tivo o rei, os partidos políticos, se houbo máis ou menos violencia... Hai quen fala de recuperar o espírito da transición para enfocar o proceso independentista catalán. Pero non se pode solucionar a cuestión catalana coas receitas de 1978, porque a Cataluña de 1978 non ten nada que ver coa de 2017, entre outras cousas porque agora hai case un 50% de independentistas.

-Vostede analiza unha época de transición, de cambio de réxime, pero dende a óptica local, de aquí, da provincia. ¿Que conclusións saca?

-A historia nunca é branco ou negro, sobre todo son matices, grises, polo tanto nin houbo unha renovación total tras as Cortes de Cádiz nin continuidade dos políticos do absolutismo. Houbo unha mestura, como pasou na transición democrática do século XX. Outro punto relevante é que os espazos locais non son simples correas de transmisión das ordes que chegan do centro do sistema. Aquí, na provincia, os espazos locais tiveron capacidade para adaptalas. Nos casos de Viveiro e Ribadeo, a caracterización comercial que tiñan naquela época reflectíase tamén a nivel político. Non é exactamente que foran máis liberais porque tiñan máis comerciantes, pero algo diso houbo. En Mondoñedo e Lugo había bispos, con todo o que implicaba e a influencia que tiñan, mentres que en Viveiro e Ribadeo non. Todo iso se expón na análise que fago desta época.

«Ribadeo e Viveiro eran vilas máis comerciais, e reflectíase a nivel político, mentres en Lugo e Mondoñedo había un potente poder clerical»