«Gustaríame rodar en San Cibrao nalgún momento»

Lucía Rey
Lucía Rey CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

Ruben Gamez

A curta «Matria», do creador de cine Álvaro Gago, con raíces familiares en San Cibrao, vén de gañar na Seminci e en Alcalá de Henares

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Ramona, unha muller loitadora que traballa nunha fábrica de conservas e vive unha situación familiar e laboral complicada, centra o argumento de Matria, a curtametraxe que vén de gañar o Festival Alcine de Alcalá de Henares, despois de facerse hai menos dun mes co premio ao mellor corto español na prestixiosa Seminci de Valladolid. O seu director, Álvaro Gago, naceu en Vigo no 1986, pero síntese de San Cibrao, de onde era orixinaria a súa nai ?xa falecida? e a onde segue regresando. «Todo o que podo, aínda que de familia por desgraza só queda meu padriño, pero teño moitos amigos», afirma, antes de confesarse un namorado da Maruxaina de antano. «Agora xa non me convence tanto. Son dos que ten nostalxia do que sucedía hai 15 anos, cando era todo máis tradicional», confesa.

?Aínda que ten raíces mariñanas, para o público da comarca é aínda bastante é descoñecido...

?Estudei Comunicación Audiovisual en Pontevedra, e despois marchei cunha bolsa a Estados Unidos, a Chicago a estudar dirección de teatro un ano. Logo fun a Londres para facer algo máis centrado no cine. Alí gradueime na London Film School e pasei oito anos traballando, sobre todo como montador en ficcións e algo de documental.

?¿Cando deu o salto á dirección?

?Non sei se me considero director porque non é un oficio ao fin ao cabo, e cineasta sóame como máis elevado e non me acabo de identificar con iso. Gústame máis a definición que teñen en inglés de «film maker», é dicir, un traballador do cine. A edición e a dirección están unidas, e de vez en cando apetecíame contar algo do meu. Tamén era unha oportunidade para pasar tempo en Galicia, así que no 2013 fixen Curricán.

?Rodou «Matria» en Vilanova de Arousa e Cambados, na comarca do Salnés, de onde é orixinario o seu pai. ¿Para cando unha rodaxe na Mariña lucense?

?Gustaríame rodar en San Cibrao nalgún momento. Hai anos xa estiven a piques de facelo, aínda que o proxecto non era meu.

?¿Que supoñen os premios de Alcalá de Henares e Valladolid?

?A dirección é algo esporádico porque levantar un proxecto custa moito diñeiro, e é complicado vivir da curta. O máis importante destes premios, aparte do recoñecemento, que a todo o mundo lle gusta, é que teñen unha dotación económica boa que me vai permitir facer a seguinte curta e non depender tanto do crowfunding, das campañas de financiación on line das que dependimos para as rodaxes de Curricán e para Matria. Os presupostos son reducidos e meter un pé nas axudas a nivel nacional é complicado. Como editor vou sobrevivindo mellor.