¿Serve o castiñeiro galego para criar whisky irlandés?

Investigadores da Politécnica estudan a súa viabilidade para a maduración de viño e outras bebidas


A posta en valor da madeira autóctona de Galicia é un dos obxectivos que se marcou, hai xa máis dunha década, o grupo de investigación Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas (GI-1720 BioModem), da Escola Politécnica Superior do Campus Terra, de Lugo. No marco da colaboración que iniciaron hai varios anos coa destilería irlandesa Irish Distillers Inc -propietaria, entre outras marcas, do whisky irlandés Jameson-, os investigadores lucenses acaban de iniciar un estudo para determinar a viabilidade de elaborar barricas de castiñeiro galego para madurar viño e outras bebidas espirituosas, como o whisky. Esta mesma investigación xa a levaron a cabo co carballo, co que obtiveron moi bos resultados. Na destilaría irlandesa «quedaron moi contentos coa investigación e decidiron continuar e ampliar o estudo, abrindo o campo de traballo», segundo explicou Pablo Vila Lameiro, profesor, investigador lucense e coordinador deste proxecto.

Vila destacou que o castiñeiro é unha madeira que se utilizaba na industria toneleira ata hai uns corenta anos porque «era máis abundante que o carballo». O seu obxectivo agora é comprobar «a viabilidade» do castiñeiro para estes usos, a súa adaptación a barricas de diferentes tamaños e estudar que lle aporta á bebida. A principios de ano chegarán ao Campus, desde Cádiz, as primeiras barricas de castiñeiro para comezar o estudo.

A colaboración coa empresa irlandesa implica un ciclo cerrado de uso da madeira dende a súa explotación en monte e transformación en Baralla, no serradoiro Maderbar, pasando pola elaboración de barricas na tonelería gaditana Antonio Páez Lobato, con sede en Xerez da Fronteira, ata o seu destino final en Cork (Irlanda).

Diminución do risco de lumes

Ademais, Pablo Vila destaca outro aspecto que lle dá unha extensa relevancia a este proxecto: a posta en valor dos montes galegos e a divulgación de novas formas de sacarlles rendemento económico. Dende a USC explican que estas liñas colaborativas que leva a cabo BioModem «son as que manteñen vivo o monte galego, asegurando a súa rendibilidade e diminuíndo os riscos de lumes».

Segundo Vila, é moi importante a incidencia que esta investigación ten para a posta en valor da xestión forestal sustentable, un proceso que «actúa como unha garantía engadida que permite aportar un valor complementario a un recurso natural do monte galego, ao tempo que constitúe unha marca de sustentabilidade e apoio ao desenvolvemento rural que outros usos non permiten», continúa.

Rendemento económico

Concretamente, sinala que «estes traballos poñen en valor as masas de frondosas, que son ás que lles custa máis sacar rendemento económico, favorece a persistencia destas masas e tamén contribúe ao seu prestixio social», continúa o investigador lucense.

O profesor do campus remarcou tamén que esta iniciativa contribúe á xeración de coñecemento científico e á divulgación do Campus Terra e das actividades de I+D+i que nel se desenvolven en congresos internacionais (Roma, Cambridge, Viena...), así como a través da publicación de comunicacións e artigos en revistas científicas de impacto.

O traballo deste equipo de investigadores ten garantida a súa continuidade varios anos con esta nova liña do estudo vinculada ao castiñeiro. Ademais, conta con recoñecemento e apoio da Administración autonómica, aínda que non con financiamento.

No último ano certificaron máis de 200 hectáreas de carballeira, case todas na provincia

A destilería irlandesa Irish Distillers Inc comezou a usar barricas feitas con carballos galegos para a maduración do seu whisky e, para certificar esta madeira, confiou no traballo dos investigadores do campus lugués. Segundo explica o investigador Pablo Vila, despois de demostrar a potencialidade e aptitudes desta madeira, o traballo do equipo do Campus Terra centrouse en localizar carballeiras válidas para obter duelas de barricas e tramitar a certificación para os propietarios, por se chegaban a algún acordo de compra co serradoiro de Baralla. «Estivemos localizando grandes volumes de madeira para deixárllela certificada aos propietarios, todo iso, de forma gratuíta, cumprindo o compromiso da Universidade de servizo á sociedade», continúa Vila.

Neste último ano, desde o campus lucense certificaron máis de 200 hectáreas de carballeiras, case todas na provincia de Lugo.

Garantías para o sector

O feito de ter a madeira certificada supón vantaxes tanto para os propietarios como para as destilerías: «Primeiro, sábese a orixe da madeira e en que condicións medrou. Ademais, asegúrase a viabilidade da masa e faise a trazabilidade polo serradoiro, tonelería, destilería... En definitiva, supón un selo de responsabilidade ambiental e certificación forestal», continúa o investigador lucense.

Estes traballos ampliaranse agora a toda Galicia e ao norte de Portugal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

¿Serve o castiñeiro galego para criar whisky irlandés?