«Estar dentro dos top sempre agrada»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O Nito en Viveiro é un dos 10 restaurantes galegos recoñecido con dous soles Repsol

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na nova Guía Repsol 2018 só hai un establecemento galego con tres soles, a nota máis alta da publicación. É Casa Solla de Poio. Detrás veñen outros dez con dous, dos cales un é na Mariña, manténdose tamén como único na comarca con ese tipo de recoñecemento. É Nito de Viveiro.

-Verse entre os mellores, que sentimento lle produce?

-Nós antes de nada estamos moi agradecidos por seguir outro ano máis cun recoñecemento que sempre gusta ter, pero hai que dárlle a profundidade xusta. Penso que nós vivimos do cliente, do día a día e do boca a boca.

-Pero verse entre Culler de Pau, Maruja Limón, Pepe Vieira...

-Si, estes recoñecementos están moi ben. Estar dentro dos top sempre agrada. Pero hai que seguir renovándose e mellorar. O único que queremos é seguir mellorando, formándonos e aprendendo. E ir polo terceiro sol, sempre optar a ir a por máis. Realmente é un dicir. Quero explicar que se pensas só en manter o segundo é probable que ao final te quedes con un.

-Os soles Repsol, céntranse só na parte gastronómica?

-Buscan un conxunto, cociña, sala coidada, cristalería e mantelería acordes. Buscan o ben facer.

-En hostalería apréciase hoxe en día moita competencia e un alto nivel de esixencia. Como se vive con esa «presión»?

-Agora mesmo o sector turístico está en auxe. Iso ten unhas ventaxas e uns inconventes. Está claro que Galicia está de moda. Hai máis establecementos que se montan e te fan mellorar porque non te podes despistar. A xente vense preparando e para ter as esixencias culminadas non é facil. Hai que estar posto ao día.

-Como xestiona o estrés diario? Ou durme pensando na hostalería, «respira» hostalería...?

-Respiro hostalería, nunha palabra. Para min é un proxecto de vida que me apasiona e me ilusiona, non sei se pola fantasía que dá a xuventude. Estou pensando todo o día en hostalería, si.

-De noite algún que outro pesadelo aparecerá durmindo, non?

-Máis que pesadelos, soños.

-O irmán recente do Nito é o Hotel Urban Viveiro. Xa ten este algún recoñecemento?

-Non. O Urban ten outra filosofía, outra maneira de ser. O único en común é que son hoteis de catro estrelas e na sintonía de traballo. Pero o Urban é máis un gastrobar e o outro, o Nito, é restaurante restaurante.

-Son de catro estrelas. Hai un proxecto novo dun en Foz.

-Si hai un proxecto en Foz polo que vin nas informacións. Penso que A Mariña está bastante ben dotada de catro estrelas. En Viveiro somos catro. No resto supoño que irán aparecendo máis porque esta comarca vai ser un foco de atención.

-E un cinco estrelas?

-Non é facil, baixo o meu punto de vista.

-Preto do Urban vin un día uns cuantos coches británicos aparcados. É un turismo crecente?

-Hai de todo. Ao turismo anglosaxón si que lle gusta moito isto. O turismo slow de boa gastronomía e despazo gusta moito, tamén ao turismo alemán.

-Voltando ao Nito, algún proxecto de mellora e de futuro?

-O proxecto de mellora ten que ser constante, a diario, pero nas instalacións en si non temos nada previsto. En posta de traballo sempre estamos movendo a cabeza nese aspecto.

-Cal é o seu plato favorito do restaurante Nito?

-O salpicón de bogavante.

-Como di a expresión, para comelo a cullaradas, non?

-É un plato exquisito!

-E na casa, fai a comida?

-Na casa non adoito facer ningunha comida. Como se soe dicir, xa vou comido do restaurante. Como moito, un iogur.

-Non me diga que se abrimos a súa neveira pouco máis vamos atopar que un iogur!

-(Ri) Bueno, se che digo a verdade pouca cousa hai máis.