In Memoriam, don Ramón Marful


Hai uns poucos anos puxéronse de moda nas redes sociais grupos que celebraban a pertenza a determinadas localidades, con nomes como “Es de tal sitio se…” Burela, por suposto, tamén ten un deses grupos, e no seu día lembro perfectamente que unha persoa escribiu algo así: «Es de Burela se, independentemente das túas crenzas ou de que vaias á igrexa, estás orgulloso do noso don Ramón». Don Ramón, o noso don Ramón, Ramón Marful Rodríguez, tiña esa capacidade: era imposible non querelo, non admíralo, non sentir orgullo por el.

Crego, humanista, posuidor dunha retranca e un sentido do humor envexable que o facía ter sempre a resposta xusta para todos os temas e sempre acompañada dun sorriso, galeguista de xeito espontáneo, activo no uso útil da nosa lingua en todos os eidos e no seu, o eclesiástico, onde tantas veces era e segue a ser marxinada, don Ramón era Modelo Burela desde moito tempo antes de que existise o Modelo Burela. El foi a alma do noso proxecto desde o primeiro momento, sempre estivo aí, apoiando e colaborando, e cando fixemos o audiovisual de apoio tiñamos claro que só el podía pechalo.

El foi o modelo do Modelo Burela

No entorno inigualable da Igrexa da Vila do Medio, o noso templo histórico, un home que era historia viva concedeunos unha entrevista fermosísima que en poucos minutos resumía unha traxectoria vital que era, toda ela, Modelo Burela. Fixemos máis gravacións con el, audiovisuais e radiofónicas, que simplemente non teñen prezo.

El foi o modelo do Modelo.

Agora don Ramón marchou e estamos tristes, mais tamén estamos felices por telo coñecido, tratado e querido. Diciamos no audiovisual: “leva dentro de si o orgullo de ser, como Manuel María, como Marica Campo, como don Ramón Otero Pedrayo”. E nós levamos dentro o orgullo de telo tido como mestre, como amigo, bo e xeneroso.

Querido don Ramón: GRAZAS.

* Matías Nicieza. Proxecto Neo - Modelo Burela.

IES Perdouro.

Por Matías Nicieza Proxecto Neo. Modelo Burela

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

In Memoriam, don Ramón Marful