«Para o noso club é un orgullo traer por primeira vez á Mariña a arqueiros de tanta categoría»

La Voz O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O olímpico Miguel Alvariño e nove mariñáns, entre os 132 participantes do Trofeo Federación, que organiza o Castelarco

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se non se producen baixas de última hora, non haberá que lamentar grandes ausencias no Trofeo Federación-Xunta de Galicia que se disputa durante a fin de semana no pavillón do Valadouro. A nómina de participantes está encabezada polo pontés Miguel Alvariño, olímpico en Río de Janeiro, e nela aparecen o resto de figuras galegas, ademais de nove representantes mariñáns: Fidel Rodríguez e Eduardo Domínguez, do Club Castelarco (O Valadouro), e Ana María Briones, Raquel Brea, José Antonio Rico, Aitor Rodríguez, Sergio López, Jorge Galante e José Manuel García, do Club Iadovi (San Ciprián). A organización corre a cargo do Castelarco, que conta co apoio da Deputación, o Concello do Valadouro e, por suposto, da federación galega. Entre os seus representantes os nervios están a flor de pel por ser a primeira vez que a comarca acolle un campionato puntuable para o ránking autonómico. «Para o noso club é un orgullo traer por primeira vez á Mariña a arqueiros de tanta categoría», sinala o seu secretario, Iago Fernández.

-¿É moi traballoso preparar un torneo destas características?

-Os campionatos de sala dan menos choio que os de campo, iso é certo, pero todos teñen ás súas complicacións. Levamos varios días que non paramos e [onte] aínda nos queda preparar o campo: colocar as dianas, delimitar as zonas de tiro, habilitar a zona técnica, preparar o avituayamento... O tema loxístico é o máis complicado.

-Pero merece a pena tanto esforzo, ¿ou non?

-Por suposto. Virán os mellores de Galicia, entre eles o olímpico Miguel Vilariño, do Silex de As Pontes, e Vicente Veira, do Arc-Teixo, que son os dous grandes favoritos.

-Arco desnudo, tradicional, recurvo, instintivo, recto... ¿Cal é a modalidade con maior participación?

-A categoría reina por excelencia é a de arco recurvo. Aí veremos competir a Vilariño e Veira, e tamén os nove arqueiros da Mariña que van tomar parte no campionato.

-Sete do Iadovi e dous do Castelarco. ¿Ve a algún no podio?

-Oxalá, iso é o que desexamos. Dos nosos o que máis posibilidades ten é Fidel Rodríguez, e do Iadovi diría que José Manuel García Cordido e Ana María Briones.

-¿Quere engadir algo máis?

-Só unha cousa. Este campionato vai dedicado a Félix Paz, fundador do Club Castelarco e que tivo que deixar o club por motivos de saúde.