«É necesario un tren de cercanías para estudantes, obreiros e para o hospital»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Convocará aos alcaldes da comarca mariñana para facer unha demanda conxunta ao Adif e a Renfe

07 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo de noite, o alcalde de Burela viviu en primeira persoa as deficiencias que sofre o tren na Mariña. Alfredo Llano, xunto ao resto de xogadores e afeccionados do Ribadeo FC que se desprazaran a Viveiro ao mediodía para asistir ao derbi de fútbol, tiveron que esperar no apeadoiro de Covas máis dunha hora sobre o horario previsto polo convoi que os levou de volta á casa. «Agora mesmo pillar o tren na Mariña é unha aventura», lamentou onte Llano, que como presidente da Mancomunidade A Mariña Lucense convocará aos alcaldes para trasladar a Renfe e ao Adif unha demanda «única e conxunta» para mellorar a liña Ferrol-Ribadeo.

-En outubro houbo unha reunión en Ferrol para falar con Renfe sobre o futuro do ferrocarril na Mariña, ¿produciuse algún avance desde entón?

-Nesa reunión fixemos unha proposta para facer un tren de cercarías, e en decembro imos ter outra onde os concellos da Mariña imos facer unha proposta conxunta para establecer un servizo de cercanías que dea resposta ás necesidades estudantís, ás da xente que vai ao hospital e aos traballadores da comarca; pero tamén para ofrecer servizos doutro tipo, como desprazamento de equipos deportivos, para motivar excursións culturais...

-¿En que consistiría o tren de cercanías que propoñen?

-Agora mesmo hai moitísimo movemento para estudar diferentes ramas de Formación Profesional e Bacharelatos nos institutos que temos, e que están dotados cunha boa oferta formativa. Tamén hai que favorecer á xente que vén ás consultas do hospital, para que teña un horario bo. O tren é fundamental para o desenvolvemento económico, social e cultural da Mariña, e hai que loitar para mellorar o servizo.

-Ademais da escaseza de horarios, tamén hai bastantes queixas sobre o mantemento das vías, dos apeadoiros...

-O domingo, por exemplo, chegando a Viveiro notamos o mal estado de mantemento das vías porque rozaban as ramas das árbores, a maleza... Notábase dentro do tren e iso significa que nos temos que poñer con ganas para que isto [a liña de Feve Ferrol-Ribadeo] vaia para arriba con calidade e seguridade. E pasa outra cousa. Hai unha separación evidente entre o que é o Adif, e o que é Renfe. O primeiro atende a cuestións de mantemento, construcións, mellora das estacións e apeadoiros...; e a Renfe correspóndenlle a para de trens e as máquinas. Pero penso que debe haber máis coordinación e interese entre as dúas entidades para que teñamos un tren de garantía. E expoño un caso: en Burela agora limpouse a metade da estación, que é responsabilidade do Adif, pero a outra metade non porque é responsabilidade de Renfe. É todo un despropósito, e por iso queremos que se reúnan as dúas partes e se demostre que hai interese por defender o servizo. Non que se nos vaia diluíndo e chegue un momento no que digan que non é importante. Iso non podemos consentilo.

«É unha pena que a xente do PP non estea reclamando o servizo, porque o tren é para todos»

Á última reunión con Renfe asistiron os alcaldes de Burela, Alfredo Llano, e Ribadeo, Fernando Suárez, ademais do tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández. Non asistiu en cambio ningún alcalde nin representante de municipios mariñáns gobernados polo PP. «É unha pena que a xente do PP non estea reclamando o servizo, porque o tren é para todos. Os servizos non son de PP ou PSOE. Cando se monta nun tren é igual a ideoloxía, a profesión e a idade», subliña o presidente da Mancomunidade mariñana.

-Estamos loitando, aínda que non é competencia nosa, para a defensa do servizo público que corresponde. Ter un tren en condicións vai facer moita falta agora, pero tamén no futuro. Ademáis de nós, na comisión técnica estamos a alcaldesa de Moeche e un representante do Concello de Ferrol, para representar toda a vía entre Ferrol e Ribadeo, máis técnicos de Renfe, da Xunta, e queremos que vaia Adif.

-Algúns usuarios denuncian que viaxan gratis porque ninguén lles pide o billete.

-É certo, aínda que o domingo non nos pasou. O tren funcionou moi ben e cobráronnos. Pero outra cousa que imos reclamar son os revisores, porque o servizo está sen eles. Iso dá lugar a pensar como está todo. Defendemos o posto de traballo dos revisores, que son demandados porque están para cuestións de información, de seguridade..., non só para cobrar. Hai que demandar o servizo cunha garantía que neste momento non se está dando.