Adeus ao «crego do pobo», poeta, mago, músico, actor e animador social

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

palacios

A Mariña sumouse ás mostras de pesar tras coñecerse o falecemento de Xosé Manuel Carballo

30 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Finou Xosé Manuel Carballo e foron moitas as mostras de pesar nada máis coñecerse a nova do seu falecemento, tamén desde A Mariña (estivo vinculado ao Proxecto Neo, do Modelo Burela). Xosé Manuel Carballo era o «crego do pobo»; presumía diso e ademáis con moito orgullo e satisfacción, na Terra Chá. Pero era moitas máis cousas: poeta e escritor, gañou o certame de xornalismo de Begonte; mago e ilusionista, percorreu moitos pobos facendo maxia, tamén na Mariña; era un verdadeiro animador social; músico. Un crego moi especial. Galeguista. «Deus non só o entende, senón que tamén fala galego», ten dito.

Un cancro de larinxe deixouno sen fala nestes últimos anos, pero era un home forte, que non se rendía facilmente, e aprendeu a falar de novo para seguir atendendo ás súas parroquias. Vitalista, nunca perdeu a ilusión; por suposto, tampouco a fe. Castro de Rei e a súa contorna, Meira, eran o seu espazo vital e de traballo e atención como crego. O seu coche era case que unha ambulancia nestes últimos anos. Nel levaba a cadeira de rodas, a botella de osíxeno, e así ía percorrendo os seus santos lugares.

Era un home moi querido; comprometido coa cultura, co teatro tamén (tiña un grupo propio, amador, «Os Baluros»), el mesmo escribiu varias obras; un home comprometido coa vida en definitiva. Coa súa máxia ten visitado moitos colexios, tamén da Mariña, aínda que nestes últimos anos debido á enfermidade, abondo tiña coas súas parroquias na Chaira. Nos seus comenzos foi formador de seminaristas en Santa Catarina, en Mondoñedo; despois volvería ao seu lugar, aos pobos rurais, onde se sentía verdadeiramente cómodo.

Exerceu como o que era, galego e crego, perfectamente integrado cos seus, coa súa xente. Tamén tivo as súas diferenzas coa Igrexa, foi ata excomulgado en Ourense, por organizar as romaxes, que tiveron moita e moi boa acollida entre os fieis, pero iso agora tampouco xa non importa. Pero tamén recolleitou o afecto de bispos coma os de Lugo, Alfonso Carrasco, ou o anterior bispo de Mondoñedo, Sánchez Monge, quen ten loubado a ilusión e o bo humor de Xosé Manuel Carballo.

Xesús Ferro Ruibal, escritor e membro da Real Academia Galega, escribe sobre X.M. Carballo: «Era mago. Realmente a vida dun crego, digno de tal nome, é maxia verdadeira a cada hora, a cada problema humano. Por iso a maxia de X. M. Carballo está, estaba, ao servizo da súa mensaxe».

Tamén desde o Proxecto Neo, do Modelo Burela, facían público a través das redes o seu sentido pesar polo falecemento de X.M.Carballo.