«Vímonos superados nalgún momento pero non como para temer pola vida»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O equipo do que formou parte este cervense axudou a apagar o lume en Triacastela

21 oct 2017 . Actualizado a las 20:28 h.

O pasado domingo foi unha xornada negra, tamén literalmente polas imaxes do «día despois»: montes e aldeas queimadas e arrasadas polo lume. O verde galego mudou á cor do loito. Naquela xornada todas as mans foron poucas para apagar tantos incendios como houbo, máis dun cento, por distintos puntos de Galicia. Tamén foron mans mariñás as que alí estiveron, ao pé das lapas. Unhas delas, as do xefe da brigada do Concello de Cervo Número 1, Roberto Cabo, tamén enxeñeiro de montes.

-Vendo agora tanta extensión forestal cuberta de cinza, que se lle pasa pola cabeza? Queda moito por recuperar...

-A situación que vivimos era máis preocupante polos efectos de despois que por ter medo ou ter unha situación complicada persoalmente ao ter que apagar o lume. Si que tes momentos puntuais de agobio ou incómodos pero en xeneral estamos tranquilos nese momento... e ben.

-Desta brigada, cantos foron?

-A nós chamáronnos o domingo. Entramos ás duas da tarde e sobre as dúas e media dispuxeron o operativo para ir. Somos cinco persoas na brigada. Da Mariña iamos sobre cinco brigadas máis dúas carrocetas. Ao haber tanta cantidade de incendios simultáneamente, foronse distribuíndo equipos. A nós tocounos o de Triacastela. Íamos en teoría conxuntamente cunha brigada de Lourenzá, viaxando xuntos, pero ao pasar Samos vimos un lume. Paramos pensando que era ese. Os de Lourenzá xa quedaron alí. Nós seguimos ao de Triacastela.

-Cal é a súa experiencia apagando lumes?

-Esta é a miña segunda campaña pero é o primeiro incendio que temos importante. O ano pasado tivemos varios na Mariña, sobre todo na zona de O Valadouro, pero xustamente coincidírame estar de descanso e foran focos pequeniños.

-Na vida veu algo así, logo.

-Estamos a falar dunha cantidade de hectáreas queimadas bastante grande e estás a traballar nunha zona pero descoñeces o que pasa no resto do perímetro. Nese momento non eres consciente dos demáis medios que hai. Onde traballamos nós o domingo era zona de monte e pastizal e non estaba lonxe de Triacastela.

-Imaxinaba ou sabía xa daquela a que se estaban a enfrontar e refírome ao resto de Galicia?

-Non sei ata que punto seriamos conscientes. Ti só sabes o que pasa na túa zona.

-Cando acabaron de facer o seu traballo, como reaccionaron ao ver tantos lumes espallados?

-Quedamos sorprendidos. Si sabiamos que era un día moi complicado. Xa era evidente en canto ao clima. Na Mariña facemos moito traballo de roce, de prevención de lumes. Nun día habitual preparamos equipos e saímos para algún monte dentro do plan de desbroce. Ese domingo, co calor extremo que facía e ese clima tan raro, sospeitabamos que nos podían mandar a algún lado e estabamos expectantes.

-Había veciños tamén axudando?

-Na zona nosa había veciños colaborando, pero a colaboración era máis para informarnos e indicarnos sobre a orografía. Esa información é moi importante.

-Despois de todo o que pasou, cre que se ve este duro traballo como algo heroico?

-Non che sabería dicir. Hai diversidade de pensamentos. Hai xente que ve o teu traballo como complexo e heroico como dis pero outros como natural e cotiá.

-Botaron algo en falta?

-Notábase en falta, en certos momentos, dispoñer de máis auga, porque había escasez de autobomba, co que teriamos feito máis traballo. Estabamos intentando economizar auga.

-Vai tardar en recuperar o monte.

-Ao traballar principalmente case de noite, porque moitas horas foron de noite, non acabas de apreciar con precisión toda a zona que está ardendo. Pero é certo que na última era unha ladeira con moito arbolado e autóctono e si que comentabamos que posiblemente fora unha zona bonita e de gran valor. É unha pena o que pasou, moitos sitios van tardar en recuperar.

-Tivo medo nalgún momento?

-O principal problema eran os cambios de vento constantes. A veces tiñas a situación controlada pero había momentos nos que había que apartarse do frente, polo fume sobre todo. A veces tes certa sensación de agobio polo picor de ollos e garganta e, a pesar de que levas mascarilla, non podes evitar tusir. Pero a nosa non me pareceu unha situación na que que pasáramos perigo real. Vímonos superados nalgún momento pero non como para temer pola nosa vida.

-Parece que desta vez A Mariña librou dos lumes. Non así en comarcas veciñas ou mesmo na rexión asturiana, tan preto.

-As estatísticas están aí e son claras. Nesta comarca sempre hai, tradicionalmente, unha incidencia menor pero si que pode haber perfectamente incendios. O que din as estatísticas que hai é que son menos frecuentes aquí.