«No servizo de Axuda no Fogar pasamos de cen usuarios, non hai lista de espera»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Anuncia a compra dunha furgoneta para dar transporte gratis ó centro de día e a ampliación da gardería

19 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Elena Candia preside hoxe o Festival da Terceira Idade, un acto ó que están convidados a asistir todos os membros da corporación, pagando cada quen o seu prato: «Recupereina o ano pasado. É unha comida que ten empanada, callos, carne asada e postre. Os maiores de Mondoñedo pagan cinco euros e os de fóra 15. Despois hai unha orquestra. É no pavillón e sírvea Higinio, o de Chao da Brea; é de Mondoñedo a festa e é de Mondoñedo o restaurador».

-¿Cantos acoden?

-Pasa un pouco de 300.

-A poboación de Mondoñedo está envellecida ¿Non?

-A xente maior, cuantitativa e cualitativamente é moi importante no noso Concello. É evidente que este é un xesto para con eles, de un día das San Lucas, un exemplo da sensibilidade que temos cara a xente maior, pero é o menos importante de todo o que facemos. Desde que chegamos ó goberno o noso obxectivo é que a xente maior tivera servizos. Eliminamos a lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar, pasamos dos cen usuarios, contratamos xente, hai máis de vinte traballadoras; elaborouse a relación de postos de traballo, algo importante porque me consta que estas traballadoras noutros concellos non teñen unhas condicións laborais moi dignas e neste caso dignificouse o posto, abónanselles ademais os desprazamentos en tempo e forma. Abriuse o centro de día, que pode funcionar con libranzas. Esta semana iniciamos un proceso de licitación para a compra dunha furgoneta adaptada para poder desprazar unha persoa, para dar o servizo de transporte para este centro de día, de maneira gratuíta, para as persoas que o necesitan. Dispón de 25 prazas, a metade non se cubriron aínda, pero imos nun ritmo razoable e cónstame que resolveu situacións familiares complexas. O feito de funcionar con libranzas permite que algúns usuarios podan ter outros servizos que damos no Concello, como o de Axuda no Fogar. Trátase de que a xente maior que quere vivir nas súas casas poida facelo (...).

-¿Hai xente nova? ¿Aumenta a poboación?

-Analizando os servizos que temos para a infancia, teño que dicir que está en proceso, xa se adxudicou, a ampliación da gardería. Temos 41 prazas nesta gardería e hai lista de espera; conseguimos por en marcha a ampliación dunha aula máis coa que cubririamos un tempo. (...). É un servizo que no seu día se criticou, no Concello incluso non deran o voto favorable e hoxe é un servizo importante, polos postos de traballo que crea e porque permite a conciliación. Tamén se deu un outro paso para a infancia coa posta en marcha da ludoteca; o Concello está inscrito como entidade prestadora de servizos de ludoteca e habilitamos aulas no colexio novo e prestamos ese servizo. Nalgunhas épocas, como verán ou vacacións, nas que non hai colexio, hai un número de usuarios superior a 30; a ludoteca ten 41 prazas. Son datos de que temos unha infancia cuantitativamente representativa (...). O que intentamos é ubicarnos como un sitio tranquilo para descansar e cómodo para vivir, que si traballan en calquera punto da Mariña, saiban que temos os servizos. Para maiores, gardería, colexio, instituto, a nova formación Dual, moi importante (....).