Miguel Anxo Murado, o pregoeiro

FRAN BOUSO O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

17 oct 2017 . Actualizado a las 19:24 h.

X eógrafo e historiador, especialista en arqueoloxía de formación, con necesidade case innata de contar historias ou, mellor aínda que contalas, escribilas. Miguel Anxo Murado é un escritor que, ao igual que Cunqueiro, cultiva con grande habilidade tódolos xéneros literarios tanto escritos coma audiovisuais. No xornalismo é un 4x4 capaz de avanzar con seguridade por terreos tan dispares coma a dirección, o reporteirismo de guerra, a análise internacional para medios de aquí e acolá coma La Voz de Galicia, xornais e cadeas de radio españolas e tamén internacionais como a RT rusa, Al Jazeera, a BBC, The New York Times ou The Guardian. Vivíu cinco anos en Palestina no tempo da Segunda Intifada. Bota de menos os tempos nos que existían as corresponsalías, pero segue gozando de ser correspondente. Desde hoxe o seu currículum engade un ítem: Pregoeiro das feiras e festas máis antigas de Galiza, As San Lucas do seu familiar Mondoñedo. O parentesco mindoniense vénlle a través da súa avoa paterna. Naceu en Lugo o día despois do grande das Quendas nun tempo, 1965, no que as feiras da primavera mindoniense durmían. Coñece ben as terras da Paula tanto polas súas visitas desde Meira ou Lugo nos tempos da infancia e mocidade coma polas historias que os seus devanceiros lle contaron desde pícaro. «Siento un amor infantil por la ciudad de Mondoñedo. Infantil porque lo contraje en la infancia, cuando mis padres nos llevaban a As San Lucas», así comeza un artigo titulado Mondoñedo de la imaginación, publicado hai agora dous anos neste mesmo xornal no que recorda o Pazo de San Sidro -onde casaron os seus pais-, hoxe BIC e outrora propiedade da súa familia, «Visitarlo era como adentrarse en una novela gótica inglesa». O seu amplo coñecemento e capacidade investigadora permítelle tratar temas que aconteceron antes de que nacera como se os tivese vivido, sabe ler e escoitar sen inventar o pasado. Fala do péndulo da democracia mentres trata de buscar o equilibrio. Mira dúas Galicias desde moito antes de que unha caixa as pintara con dúas velas, unha azul e outra verde e, aínda así ten outra idea do país. Miguel coñece a Leiras Pulpeiro, a Cunqueiro... Este último, un escritor que non cría no bilingüismo». Murado non ten complexos coas linguas, emprega o código e a variante diafásica máis axeitada aos seus receptores e non pon barreiras para ser entendido. Como bo comunicador sempre quere chegar a cantos máis receptores lle sexa posible. Teño entendido que é capaz de defenderse en cinco idiomas nos cales nunca oculta o seu acento galego. Hoxe Murado seguro que nos sorprenderá gratamente falando dos tempos nos que Mondoñedo era unha potencia no téxtil ou do cura adiantado aos seus tempos que foi amoestado pola Inquisición por explicarlle aos seus parroquianos que a comuñón é tan doce coma comer unha filloa. Hoxe, Miguel Anxo Murado pregoa As San Lucas, hoxe é un bo día para cantar ao unísono: Vivan As San Lucas! Viva Mondoñedo!