«Na Mariña temos unha plantilla de 186 efectivos, con quince vacantes»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Destaca que o nivel de delincuencia na comarca está por debaixo da media galega

12 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José López Ginzo (A Pontenova, 1957) é o máximo responsable da Garda Civil na Mariña. Considera que a situación, en canto a efectivos, está «bastante ben».

-¿Cantos son en plantilla?

-Agora mesmo estamos eu, que son o capitán; dous tenentes adxuntos, un en Ribadeo e outro aquí en Burela; dous brigadas e un subtenente; sarxentos hai dez, cabos 14 e gardas 126. Son 156, ós que hai que añadir 30 de tráfico; en total na plantilla son 186.

-¿Satisfeito ou falta persoal?

-Si. Bueno, había ata agora dezasete vacantes, pero ultimamente cos gardas alumnos que mandan en prácticas vanse cubrindo os ocos. Isto está feito en maio e si, había 15 vacantes de gardas.

-¿Cal é o principal problema co que se atopa agora mesmo?

-Aquí non se pode dicir que haxa un índice elevado de delincuencia, de feito estamos por debaixo da media provincial e da comunidade. Nesta demarcación hai un aspecto importante que é o tema fiscal. Temos 140 kilómetros de costa, tres portos comunitarios con tráfico de mercancía que son Celeiro, Burela e Ribadeo, e un estatal, que é o de Alcoa, e hai un volume de barcos importante que chegan a descargar. Entón todo o relacionado con materia fiscal, entrepot dos barcos...contrólase dende aquí. Polo cidadán descoñécese bastante, pero en certas épocas do ano, como na costeira do bonito, hai un volume de traballo importante. Hai que controlar porque a mercancía vai sen IVE. Eles solicitan autorización a Aduanas para cargar eses buques, para ir de pesca, e hai que cotexar que a mercancía que se carga é a que figura no albarán (...).

-¿Cúmprese a lexislación?

-Si. Ademais temos unha patrulla fiscal en Foz, con un sarxento e nove gardas que se dedican maiormente a esa misión.

-Cando o brote de évola estaban preocupados.

-Efectivamente, porque hai que subir a bordo dos barcos, pero aínda que houbo certa preocupación, os únicos barcos que chegaban aquí eran os que viñan a Alcoa e os capitás dos buques, antes de atracar teñen obriga de comunicar se levan algunha persoa que se atopan mal. Se fora así non atracaría a porto ata que os médicos non comprobasen a situación . Non se deu ningún caso.