Que pasa por riba da nosa cabeza?

Fran Bouso OPINIÓN

A MARIÑA

CAXOTO

10 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos sabemos, o que nos pasa pola cabeza, incluso existen ferramentas para coñecer, con máis ou menos cociña e fiabilidade, o que pensamos de xeito colectivo. Pero somos conscientes do que circula por riba de nós? En ocasións, obxectos voadores non identificados.

A primeira vez que se rexistrou documentalmente un fenómeno UFO na provincia de Lugo foi o 2 de abril de 1969 preto de Becerreá. Na Bibioteca Central do Exército do Aire custodian un documento -xa desclasificado- no que se recollen as declaracións dunha persoa que avistou unha “nave espacial tripulada de forma circular” cun diámetro que rondaba os dous metros e “totalmente iluminada cunha luz fantástica”.

Avistamentos no ceo, ovnis?

Nos últimos meses de 1995 e nos primeiros do ano seguinte produciuse unha vaga de avistamentos en diferentes puntos do noroeste peninsular, algúns por Cospeito, Castroverde, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Xermade, Guitiriz, Samos e Monforte.

Nas Terras de Lemos tiveron a ocasión de seguir en directo, a través dunha televisión local que funcionaba por aqueles anos, un OVNI. Aconteceu o 15 de febreiro de 1996. Ao tempo que Canal 55 TV emitía a programación local en directo, un veciño chamou á emisora para alertar da presencia de obxectos voadores non identificados. Pasados uns minutos das once da noite, un cámara saíu ao exterior da sede da televisión e conseguiu seguir, durante máis de dúas horas, as evolucións de dous estraños obxectos voadores. Esa noite na televisión monfortina recibiron máis de 200 chamadas telefónicas interesándose pola procedencia das aeronaves. Un día antes, aproximadamente á mesma hora, algúns veciños xa apreciaran imaxes semellantes arredor do outeiro de San Vicente do Pino.

Unha bola de lume sobre Mondoñedo

O 7 de marzo de 1996, un señor que circulaba no seu automóbil pola estrada de Vilalba divisou sobre Mondoñedo “unha bóla de lume de gran tamaño que voaba de leste a oeste”, ao pouco tempo tamén foi testemuña do paso de dous cazas militares que seguían a mesma ruta. Máis recentemente, houbo xente que viu e gravou en vídeo obxectos voadores non identificados en Ribadeo, no 2009 e en Viveiro, un ano despois.

Vinte anos antes do acontecido en Becerreá e catro anos despois do primeiro fenómeno UFO do que temos constancia en Galiza, na noite do día grande das feiras das San Lucas de 1949, un veciño de Lindín viuse sorprendido no camiño de regreso á súa casa por dous seres moi altos con chapeus de forma cónica que, ao velo, viráronse dun xeito un tanto estraño pois, segundo comentou no seu día “parecía que estaban xunguidos polos ombreiros”.

Así o narrou no suplemento “Los domingos de La Voz” do 18 de outubro de 2009 o xornalista Gabriel G. Enríquez. Acontecería realmente ou foi un feito que exclusivamente pasou na cabeza do home de Lindín?

O que me queda claro de todo isto, sen necesidade de botar man de sondaxes nin doutras ferramentas demoscópicas, é que ata aos extraterrestres lles gustar gozar -sen dúbida algunha- das feiras e festas das San Lucas de Mondoñedo.

* Fran Bouso, mestre e escritor.