Queres cantar no coro da Mariña?

S.C. / D. G. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Buscan novas voces, de home e de muller, da Mariña e do Occidente astur

23 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Coro da Mariña -que xurde a iniciativa da marabillosa cantora focense Ugía Pedreira ao pé do mar en Rinlo, xunto con Pierrot Rougier- abre nestes meses inaugurais de outono nova matrícula para a inclusión de voces da Mariña e mesmo do Occidente de Asturias.

«Se gostas de cantar en grupo sen nengún estilo en concreto pode ser este quizás o teu lugar. Precísanse persoas con certo ouvido musical a nivel harmónico e acostumadas a cantar sexa de maneira profesional ou amateur; precísanse persoas que entendan o grande acto de xenerosidade e respecto que é cantar en comunidade con outros-as. Precísanse persoas de calquer idade e condición», explican desde o Coro da Mariña.

E engaden para os interesados/as: «Os ensaios do coro lévanse a cabo na Escola Vella de Rinlo os venres ás sete da tarde até as nove. O repertorio é de inspiración mariñeira, é dizer, todas aquelas cancións ben sexan de pop, rock, tradicional, jazz...que sexan do gosto das persoas do coro e que teñan o mar como telón de fondo». Sempre o mar de fondo como protagonista das pezas. O mar de Rinlo, tan seu, o mar da Mariña.

«Os arranxos vocais son realizados por Pierrot Rougier, músico bretón afincado no Occidente de Asturias e o coro é co-dirixido pola cantora e compositora Ugia Pedreira nada en Foz», apuntan.

«O coro promove cursos de formación con expertos profesionais do canto coral; xa pasaron por Rinlo a directora de teatro-voz Cristina Domínguez (ex-directora do Centro Dramático Galego); o recoñecido director coral Ramón Bermejo (Coro da Rá, Compostela); a bailarina Irene Álvarez e a poeta Marina Oural; Chefa Alonso (Madrid) dando curso de improvisación, e teñen pensado seguir coa liña formativa que abren a toda a comunidade coral da Mariña e do Occidente astur». Anímense, xentes da Mariña, irmás astures.

Entre o repertorio actual do coro está “Serpientes de Mar” de Silvio Rodriguez; “Alfonsina y el Mar”, “Chalanero”, canción popular fronteiriza entre Asturias e Galiza, un cover de “Viento del Norte” en galego do cántabro Nando Agueros que informou ao coro do seu interese neste cover galego para si mesmo; a popular canción mariñeira “A dorniña” , “Sail on sailor “ de The Beach Boys….

«O traballo de arranxos de nova creación, divulgación, ensino e aprendizaxe do coro mantense cunha matrícula individual de 30 euros ao mes que cubre ensaios de venres e mesmo algún pola semán. No Coro da Mariña -indican tamén- tense moi en consideración as necesidades e cualidades individuais de cada cantor-a, a heterogeneidade e diferencia é un valor en alza aproveitada para a conxunción colectiva e son final».

Hai que engadir por último, que as personas interesadas teñen máis información a respecto do Coro da Mariña na páxina de Facebook do coro e mesmo no teléfono 627- 934368, ou no email ugia@folque.com. Trátase dun proxecto especial, diferente.

Cancións. O repertorio do Coro da Mariña é de inspiración mariñeira.

Sede. Escola Vella de Rinlo, en Ribadeo. Alí son os ensaios os venres.

Uxía Pedreira e Pierrot Rougier. Dirixen esta formación.