«Hai un bo equipo, podemos estar entre os cinco ou seis primeiros»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Xa recuperado da grave lesión de xeonllo, Antón Couto será un dos puntais do cadro mariñán na Segunda B

22 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos xogadores mellores que Antón Couto (Fazouro-Foz, 1993) podería encontrar o Onde Sempre-Xove para reforzar o equipo de cara á nova tempada en Segunda B. Completou a pretempada sen sufrir nin a máis pequena molestia no xeonllo que a pasada liga non lle permitiu xogar máis de seis partidos. «Estou con ganas e véxome con forzas», afirma a só uns días de que o seu equipo viaxe á pista do Arroyo vallisoletano para comezar a liga.

-Do 1 ao 10, ¿cal cre que é o nivel físico do Xove para iniciar a liga?

-Creo que estamos nun 8 ou un 9. A pretempada foi moi boa, gañamos os tres partidos, non houbo lesións e especialmente nas dúas primeiras semanas tivemos moita carga de traballo.

-Tres partidos de preparación parecen poucos.

-Aos xogadores gustaríanos ter disputado algún máis, e algún deles ante un rival de categoría superior para coñecer o noso verdadeiro nivel, pero non puido ser.

-Se falamos de ilusión seguro que o equipo está de 10.

-Diso estamos sobrados. Temos moitísimas ganas de empezar a competir e, sobre todo, de comezar a liga mellor que o ano pasado.

-E sobre todo vostede, que apenas xogou na campaña anterior.

-Estou desexando empezar. O xeonllo non me volveu a dar problemas, así que espero compensar ao equipo polo que non puiden axudar o ano pasado.

-O primeiro rival será o Unión Arroyo, un dos novos no grupo.

-Poucas referencias temos. Seguro que ten bo equipo, por iso ascendeu, e polo visto reforzouse bastante ben.

-Poucas diferenzas hai na composición do grupo con respecto ao ano pasado.

-Sen o Noia, creo que os favoritos ao ascenso son o Guardo, o Cuéllar e o Albense.

-¿Non conta co Zamora?

-Seguramente estea aí tamén.

-¿E o Xove? ¿Por que postos andará?

-Chegou Mini, que nos vai dar moito, e con Nete, Pulido e eu, que o pasado case non xogamos, hai un bo equipo e podemos estar entre os cinco ou seis primeiros.