«No sexo en parella a comunicación e a confianza son fundamentais»

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Comezou o programa «Intimas conexiones», en Voces de Lugo e A Mariña

22 sep 2017 . Actualizado a las 23:00 h.

Falar de sexo con naturalidade. A psicóloga e sexóloga Raquel Graña iniciou onte un novo espazo en RadioVoz, en Voces de Lugo e A Mariña: Íntimas conexiones que se ofrecerá cada mércores, a partir das 10.45 horas. Todos os oíntes poden realizar as súas consultas, expor as súas dúbidas e problemas a Raquel Graña a través do correo electrónico consultas@intimasconexiones.com, ou ben chamando ao número de teléfono 632 226 517. Raquel contestará cada mércores. Onte, no seu estreo, xa deu os primeiros consellos ás parellas, abordando a cuestión da rutina na parella.

«Se queredes saír dela hai que innovar continuamente. E unha das claves principais, tanto para que a relación prospere como para que a parella non caia na rutina é a comunicación. Hai que contar sempre o que se quere, o que se quere probar, as distintas cousas que quere cada un, porque sempre hai cousas que se desexan probar ou facer e ás veces por reparo non se din. A boa comunicación e esencial, como o é tamén a confianza», sinalou Raquel Graña.

E para saír da rutina propuxo, por exemplo, facer prácticas traballando os cinco sentidos: «Trátase de estimular o gusto, a vista, o olfacto, o tacto o ouvido a través dunha especie de ritual, por exemplo, usando incenso, ou velas olorosas, con fresas, con chocolate, en definitiva, con calquera cousa que estimule os sentidos. Probar».

E suxeriu aos oíntes recorrer, por exemplo, a un tipo de vela especial que cando se acende vai verquendo unha cera que se converte en aceite de masaxe. A suxerencia, clara: vertela sobre a parella e dar un masaxe. Pero, ollo, non valen todas as velas. Deben ser unhas específicas: «Se se buscan por Internet -un medio moi recorrido pola intimidade que ofrece- non hai problema para atopalas»

Tamén falou doutro aspecto a coidar, a intimidade, entendida como a erótica. «Hai que protexela moito. Ocorre, por exemplo, que cando se ten fillos déixase de lado a intimidade. A nai, por instinto, involúcrase moito na crianza do neno. Falo sempre de forma xeral, en todo, tanto de parellas homosexuais como heterosexuais. Cando hai un nacemento a nai envórcase no coidado do cativo e non debe esquecer que hai un terceiro membro da familia. E o que non pode esquecer tampouco ese terceiro membro da familia é que a parte da nai hai un neno. Entón hai que comprenderse e axudar á parella. non solo focalizar nas túas necesidades. Acostuma a pasar moito, cando se ten o primeiro fillo: esa ruptura da intimidade, da erótica, que hai que seguir coidando».

Buscar tempo

Outra cuestión importante: o tempo. «Hai que buscalo sempre, porque senón a relación acábase. A historia é coñecida, chegas canso do traballo e deixas de lado a intimidade, a erótica. Pero a erótica non é solo o coito, pode ser un bico, un abrazo, moitas cousas. Hai que buscar o momento, porque senón a relación non prospera».

Finalmente, Raquel Graña animou tamén a probar produtos eróticos: «Hai moito tabú. Non todo son xoguetes, vibradores... a palabra consolador débese deixar de usar. Hai lubricantes, aceites, comestibles, moitas cousas... e cando pensamos en xoguetes eróticos hai que ver que hai moito máis alá dos vibradores».

E así transcorreu o primeiro programa, falando de sexo con naturalidade, ofrecendo consellos que poden resultar moi boa axuda para moitas persoas. E con Raquel Graña disposta a ofrecer os seus coñecementos para axudar a quen o requira, darlle consellos e contribuír a superar situacións. A cita é todos os mércores, en RadioVoz, en Voces de Lugo e A Mariña, para as emisoras de Lugo, Vilalba, Sarria, Monforte, Chantada, Viveiro e Ribadeo.