Suárez presume en Ribadeo de pagar facturas en 9 días e dun remanente positivo de 1.500.000 euros

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

El alcalde defenderá las cuentas en la sesión plenaria de mañana

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadeo conta cun remanente positivo de 1.500.000 euros e un resultado orzamentario positivo en 930.000 euros. Estas son as cifras da conta xeral de 2016, que se someterá a aprobación no pleno ordinario que terá lugar mañán, xoves, 21 de setembro. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou tamén que o período medio de pago a provedores está en 9 días, unha vez que as facturas son aprobadas.

«Aproveitamos o remanente que estou a comentar para amortizar moitísimo a débeda bancaria, practicamente en dous anos (neste e no anterior) amortizamos 1.200.000 euros, moito deste diñeiro de maneira anticipada e non só coas cotas que tiñamos asignadas de xeito periódico. Polo tanto este préstamo do plan de pagamento a provedores, que tivemos que solicitar hai un tempo, contamos liquidalo no ano que vén», engadía Suárez.

O alcalde apuntaba tamén: «Ao mesmo tempo destas cifras macroeconómicas as máis microeconómicas, as que os provedores moitas veces miran con lupa, que é o período medio da pagamento que temos, e que para este segundo trimestre se sitúa nuns nove días. Hai que ter en conta que os Concellos temos 30 días para aprobar as facturas que nos entran, pero a media, unha vez superado este trámite de aprobación da factura, está en nove días, que é algo realmente moi positivo e que, como digo moitas veces, hai dez anos cando tiven a honra de ter a alcaldía por primeira vez, estas cifras mareaban porque estaban os prazos de pago practicamente a un ano vista. Nada que ver con aquel momento, si temos moitos retos por diante, si necesitamos ter o músculo que se precisa para todos os proxectos que temos en marcha».

O pleno tamén aprobará os festivos locais para 2018, volven propoñer o día de San Roque (xoves 16 de agosto) e o día da patroa (sábado 8 de setembro). Nisto hai unanimidade.