A lenda de Dédalo e Pasifae representada no mosaico romano de Armañá (Lugo)

Aurelia Balseiro OPINIÓN

A MARIÑA

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Omosaico de Dédalo e Pasifae exposto no Museo Provincial de Lugo, foi atopado en 1986 na rúa Armañá, nº 10 de Lugo xunto con outros restos musivarios que formaban parte dunha domus romana datada cara os séculos III-IV d.C. Leva esta denominación pola escena representada no emblema central, a única figurativa de todo o mosaico xa que o resto da composición son diversos motivos xeométricos: arcadas, cadrados, liñas de rompos, peltas… etc. O mosaico estaría nunha estancia denominada oecus, o comedor da vivenda, e mide aproximadamente 38 metros cadrados.

Dédalo foi un ilustre persoeiro e artista ateniense que cando o desterraron de Atenas pola morte do seu sobriño Perdix, foi acollido en Creta polo rei Minos convertíndose no seu arquitecto. Por aquel entón, a raíña Pasifae namórase dun touro por un feitizo dos deuses en castigo ao seu marido o rei Minos. A raíña pídelle axuda a Dédalo para aplacar a súa paixón e éste deseña unha vaca de madeira recuberta de pel co interior adaptado para introducirse Pasifae e así consumar a relación da que nacería o Minotauro (metade home e metade touro). O rei para ocultar o resultado desa infidelidade, mándalle construír a Dédalo o famoso Laberinto para encerrar ao Minotauro, pero despois constitúese un tributo de Atenas a Creta polo cal ten que entregar sete rapaces e sete rapazas cada nove anos para ser devorados polo monstro; ata que entre eles chegou un día Teseo quen, gracias á princesa Ariadna, aconsellada por Dédalo, colle a idea do nobelo de fío para non perderse no Laberinto e poder matar ao Minotauro, axuda que Teseo mal lle agradece abandonándoa na isla de Naxos cando voltaba para a súa terra.

O mito

Enterado Minos da xesta de Teseo e da traizón de Ariadna coa colaboración de Dédalo, encerra a este no laberinto xunto co seu fillo Ícaro. A inventiva de Dédalo non ten límites e alí discorre a fabricación dunhas ás para escapar polo ar, pero Ícaro sen facer caso ao seu pai, achégase demasiado ao sol e cae ao mar porque a cera coa que estaban pegadas as plumas das ás, derrétese. A diáspora e as aventuras de Dédalo continúan, non obstante, as representacións artísticas ou as mencións literarias máis frecuentes da súa vida e obras, son as devanditas.

O mito de Dédalo ofrecendo a vaca a Pasifae só aparece en dous mosaicos romanos: un en Cartago e outro en Lugo. O conservado no Museo de Lugo ten bastantes lagoas de teselas, así e todo, apréciase a figura de Dédalo sentado nunha banqueta e traballando, cun caldeiro ao seu carón, na fabricación da vaca artificial. Noutro lado represéntase unha figura ataviada cunha túnica larga que sería Pasifae, abaixo aparece un touro e para rematar a escena hai unha torre que poidera identificarse co Laberinto construído por Dédalo, por orde de Minos, ou quizais da propia raíña, para encerrar ao Minotauro.

Na arte romana as representacións de todos estes episodios relacionados con Dédalo, son moi abundantes en escultura, mosaicos, pintura ou relevos, pero a escena sinalada só apareceu nos dous mosaicos devanditos polo que temos a posibilidade de observar un tema que está presente por todo o Mediterráneo antigo en diversas manifestacións artísticas. A conservada no mosaico do MPL é especialmente senlleira, porque entre as moitas versións e variantes desta lenda, aquí aparece o antes, o durante e o despois, é dicir, o namoramento de Pasifae do touro, a fabricación da vaca por Dédalo, a consumación do acto e a consecuencia: o laberinto para recluír ao Minotauro.

*Aurelia Balseiro García, museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo.