«A nosa paixón é a madeira, pero non podemos vivir do romanticismo»

Marta Gómez Regenjo
marta gómez RIBEIRA / LA VOZ

A MARIÑA

MARCOS CREO

Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva no sangue a carpintaría de ribeira. Hai máis de cen anos que o seu avó puxo en pé un estaleiro no que, tres xeracións máis tarde, seguen a construírse exclusivamente barcos de madeira. Di Ramón Collazo (Rianxo, 1963), presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), que os da súa especie son uns superviventes e non dubida en poñer sobre os ombreiros o peso da responsabilidade de ser, xunto aos demais socios da entidade, «salvagarda do patrimonio marítimo flotante». De tradición, de innovación e de futuro fala entre a actividade frenética do seu taller.

-A comezos do verán firmouse un convenio coa Consellería do Mar, ¿con que finalidade?

-O convenio ten dous apartados: a difusión da carpintería de ribeira, cunhas xornadas que se van celebrar en Rianxo en outubro, e a elaboración dun catálogo en consonancia coa declaración da actividade como ben de interese cultural.

-¿En que consiste ese catálogo?

-Estase recompilando información para lograr un documento que recolla boas prácticas para a recuperación das embarcacións tradicionais e de época, respectando o bo facer dos carpinteiros de antes pero incorporando novas técnicas e novos compostos para o selado da madeira, a estanquidade... Neste catálogo tamén vai haber unha actualización do censo de estaleiros de madeira. O último elaborouno o Cetmar no marco dun estudo realizado hai uns 11 anos. Hoxe somos vinte socios na entidade, naquel momento o número duplicábase. Necesitamos a tutela da Administración, que nos está axudando moito, porque cos que somos non temos capacidade para sacar isto adiante.

-Reivindicaba vostede no momento da firma dese convenio que a carpintería de ribeira é un oficio con futuro, pero os datos que dá non convidan ao optimismo.

-Somos uns superviventes, o carpinteiro de ribeira é un especialista que diversificou o seu traballo, soubo adaptarse aos novos tempos. Agora facemos todo o barco nós, o casco, o motor, a montaxe, todo. A nosa paixón é a madeira, pero non podemos vivir do romanticismo e facemos traballos en todo tipo de barcos, só construímos en madeira, pero facemos moitas modernizacións e transformación de embarcacións. Diversificamos, por iso estamos abertos.

-¿É competitivo o barco de madeira con respecto aos feitos en outros materiais?

-Si, e aquí en Galicia incluso é máis barato, en outros países é un luxo, pero aquí non. O barco que mellor navega naturalmente é o de madeira, pola forma de construílo, e non necesita máis mantemento que outros. Sempre nos achacaron iso, que as embarcacións de madeira tiñan moito mantemento e non é así. En cascos que se construíron de vinte anos para aquí incluso diría que é inferior. O traballo de carpintería para poñer a punto na subida anual un buque de doce anos non leva máis de catro ou cinco horas de traballo.

-¿E hai relevo?

-Está difícil, pero nós pelexaremos por iso. Hai outra cuestión a ter en conta, non existe formación regrada sobre a carpintería de ribeira. É necesaria e habería que implicar a todos os sectores. Os enxeñeiros navais descobren que aínda existe a carpintería de ribeira cando acaban a carreira, nin sequera se menciona.

-¿De onde sae o persoal novo se non existe formación?

-Reciclamos carpinteiros de branco, como lles chamamos nós, ebanistas.