O IES María Sarmiento estrea cociña propia no comedor, en Viveiro

s. corral VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Balseiro e M. Loureiro visitaron o instituto, que gañou 400 metros coa nova ampliación financiada pola Xunta con 400.000 euros

16 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, J. M. Balseiro, aproveitou onte a visita ás instalacións do IES María Sarmiento, en Viveiro, para darlles a benvida aos alumnos na súa primeira xornada lectiva, así como para comprobar o resultado da ampliación levada a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no centro. O instituto estrea este curso as novas instalacións, nas que se investiron 400.000 euros. Balseiro estivo acompañado pola alcaldesa, María Loureiro, e pola directiva do instituto viveirense.

A ampliación consistiu na habilitación de catro aulas, unha por planta, que ocuparán finalmente alumnos da ESO. O instituto gana 400 metros adicionais con aulas de 50 metros cadrados, baños, corredor e escaleiras. As obras remataron con certa demora sobre os prazos previstos porque a primeira empresa adxudicataria entrou en concurso de acreedores.

Balseiro subliñou que esta remodelación «ofrece máis espazo neste centro é mais confort, seguridade e mellores condicións para a comunidade educativa, profesores, alumnos, pais e nais».

Por outra banda, sinalar que outra das novidades que presenta este curso no IES María Sarmiento é o cambio na modalidade de comedor, xa que abandona o catering -servizo que mantiña ata agora- e os menús serán cociñados no propio centro. Onte estreáronse con polo ó forno como prato principal.