Dona Urraca, a raíña, nas orixes de Mondoñedo


Dona Urraca I (1081-1126) merecería, en xustiza, ser recoñecida como fundadora de Vilamaior de Brea (actual Mondoñedo) pois foi ela a que autorizou o 1 de marzo de 1117, sendo bispo Nuño Alfonso, a migración da sede bispal desde San Martiño a “in loco vallibriensi”. Traslado que 900 anos despois, agás a breve estadía en Ribadeo (1182-1219), perdura ata os nosos días.

Foi raíña de Galicia e León entre 1109 e 1126. Era filla de Afonso VI e de Constanza de Borgoña, e nai de Afonso VII, o monarca que lle concedeu a Mondoñedo en 1156 o título de cidade e outros beneficios. A súa biografía é un barullo de conflitos e episodios tráxicos. Un relato de fondo histórico do que gardan memoria numerosas cidades, vilas, castelos e pazos. Un mito, en definitiva, forxado pola pegada imperecedoira dunha muller singular.

A súa condición de muller non favoreceu, ao contrario, o seu goberno. No seu tempo están as orixes da futura independencia do reino de Portugal e da extinción do reino de Galicia como tal. Casou con Raimundo de Borgoña e cando morre o seu irmán Sancho II ela, que xa é viúva, é coroada raíña de León e obrigada a casar, parece que contra a súa vontade, co seu parente o rei de Aragón, Afonso, o Batallador. Sucesivos conflitos sucesorios entre os diferentes bandos, entre eles os promovidos polos partidarios do seu fillo Afonso como rei de Galicia, converteron o seu reinado nun continúo guerrear. Dela é a frase “Zamora non se toma nunha hora”, en referencia ás présas do seu irmán Sancho por arrebatarlle esta cidade.

Atrapada neses conflitos, perseguida e presa varias veces, repudiada polo seu segundo marido, a que se pode considerar primeira raíña con mando en praza foi parte, unhas veces vencedora e outras vítima, das numerosos alianzas e desavezas que se sucederon entre nobres e eclesiásticos daqueles reinos de Galicia, León, Castela, Aragón e Portugal.

Do seu primeiro matrimonio con Raimundo de Borgoña tivo dos fillos, Afonso e Sancha; do segundo con Afonso, rei de Aragón, non tivo descendencia, e das relación co conde Pedro Fernández de Lara tivo outros dous, Elvira e Fernando.

Morreu o 8 de marzo de 1126 en Saldaña (Palencia) e foi enterrada nun sepulcro hoxe desaparecido no Panteón de Reis de San Isidoro de León. Nesta colexiata atópase o chamado Cáliz de dona Urraca, peza extraordinaria da ourivería románica que pasa por ser, un máis, o verdadeiro Santo Grial.

Porén, a memoria de dona Urraca sobrevive aínda hoxe en infinidade de lendas e referencias a lugares tocados pola súa aura. En Covarrubias (Burgos) e en León, en Vilasobroso, en Salvaterra do Miño e en Lugo onde, no Burgo Vello, está aínda en pé o chamado Pazo de Dona Urraca.

Os tesouros

O buscador de tesouros, Secundino Castro, arruinouse buscando inutilmente o tesouro de dona Urraca, haber supostamente agachado nun túnel entre o Castelo do Monte Lobeira e o convento de Vista Alegre, en Vilagarcía. E alí tamén se conta que a raíña, a pesar de estar asediada, botáballes peixe fresco aos asaltantes para que entendesen que non lle faltaba o sustento.

Nas orixes de Mondoñedo, unha heroína!

* Asdo. Antonio Reigosa é o Cronista Oficial de Mondoñedo.

Por Antonio Reigosa Cronista Oficial de Mondoñedo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dona Urraca, a raíña, nas orixes de Mondoñedo