O Hospital da Costa garante a seguridade dos traballadores de Anatomía Patolóxica co formaldehido

Técnicos del servicio de prevención de riesgos laborales de centro realizaron mediciones

.

burela / la voz

O Hospital da Costa adoptou as medidas necesarias para reducir os niveis de exposición dos traballadores do Servizo de Anatomía Patolóxica ao formaldehido, un axente conservante e fixador dos tecidos utilizado nos Servizos de Anatomía Patolóxica.

Dito axente foi recalificado recentemente o que obrigou a modificar as medidas de seguridade durante a súa utilización, segundo explica o Sergas. «Na actualidade -sinalan- non é posible substituír o formaldehido por ningún outro fixador alternativo para mostras biolóxicas. Froito desa recalificación, o Hospital da Costa adoptou novas medidas de seguridade, que se suman ás que xa existían».

«O maior tempo de exposición a este axente conservante prodúcese na sala de tallado. Por este motivo, tanto o persoal facultativo como os técnicos de Anatomía Patolóxica realizan rotacións nos posto de traballo -explican-. Ademais, entre as medidas adoptadas polo Hospital da Costa para para reducir os niveis de exposición ao formaldehido do persoal deste servizo figuran a instalación dun sistema de ventilación específico na sala de tallado e a colación dun sistema de extracción localizado da mesa de tallado. Tamén, e moi importante, foi a dotación dun sistema de transporte e envase ao baleiro das mostras, tanto en quirófano como na sala de tallado, así como a adquisición de recipientes de formaldehido precargados que evitan os trasvases e, polo tanto, reducen a exposición a este axente. Estas medidas permiten que non haxa contacto entre o profesional e a mostra cando se transporta, garda ou trata a mesma».

Análises

«Ademais, a finais do pasado mes de xullo, técnicos do Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Hospital da Costa realizaron medicións de niveis de formaldehido en nove puntos do Servizo de Anatomía Patolóxica (4 sobre postos de técnico, catro sobre postos de especialistas en Anatomía Patolóxica e un ambiental). A análise dos resultados foi feita por un laboratorio externo e segundo consta no informe remitido posteriormente á Xerencia do Hospital da Costa, en Burela, os niveis de formaldehido en todas as medicións son consideradas aceptables».

«Polo tanto, o Hospital da Costa garante a seguridade dos traballadores deste Servizo de Anatomía Patolóxica, onde trala recalificación deste axente, si se implantaron medidas de seguridade específicas que ampliaban as xa existentes ata agora», conclúen asegurando desde o Servicio Galego de Saúde nun comunicado remitido onte á prensa.

Votación
3 votos
Comentarios

O Hospital da Costa garante a seguridade dos traballadores de Anatomía Patolóxica co formaldehido