Vázquez Almuiña: «A nova Lei de Saúde busca mellorar todo o servizo sanitario»

s. c. / D. g. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

«Un dos obxectivos da reforma é blindar precisamente os hospitais comarcais», di o conselleiro

08 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Alumuiña afirmaba onte que «un dos obxectivos desta reforma é blindar precisamente os hospitais comarcais. As inversións da Xunta nos hospitais comarcais, entre eles o da Mariña, nos últimos anos ascenderon a 18 millóns de euros; o da Mariña agora está en fase de ampliación precisamente. En definitiva, sinalaba o conselleiro, coa nova Lei de Saúde o que se busca é mellorar o servizo sanitario».

Pola súa banda o Sergas, Servicio Galego de Saúde, emitía onte un comunicado: «O Servizo Galego de Saúde reitera que os principais cambios que introduce o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, teñen como obxectivo axustar a lexislación á realidade e sitúan aos hospitais comarcais como marco de referencia, reforzando o seu papel, potenciando as súas funcións e blindando tanto a súa existencia como a súa estrutura. Asegúrase, tamén deste xeito por lei, tanto o persoal dos hospitais como a asistencia sanitaria de calidade para os cidadáns. A distribución por áreas sanitarias e distritos permitirá ampliar a oferta de recursos asistenciais nos hospitais comarcais».