Non ao maltrato e abandono de animais

Alfonso Villares

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Opinión

03 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

AXunta de Galicia marcouse como Obxectivo que Galicia sexa «unha Comunidade libre de abandono de animais». Por ese motivo A Lei de Protección e Benestar dos animais domésticos e salvaxes en catividade está encamiñada ao cumprimento de catro obxectivos fundamentais: acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais de compañía; compatibilizar o benestar dos animais co seu desfrute polas persoas, evitando o seu maltrato; fomentar as condutas no respecto, defensa e tenza responsable dos animais; acadar unha convivencia social entre animais e persoas, pacífica e segura.

Como cargo público, vivo a diario a problemática que teñen os Concellos á hora de xestionar a convivencia entre animais e persoas, e dende logo, as novidades que integra a Lei nos facilitará a xestión en materia de protección animal. Como veterinario de profesión e veciño dun Concello pequeno, entendo que esta nova Lei actualizada e integradora sobre a protección e defensa

dos animais recolle os principios xerais de respecto, protección e defensa dos seres vivos cos que convivimos.

Aínda que todas as Leis son mellorables, si é unha Lei que protexe os animais e que fomenta a convivencia entre eles e as persoas. Pero sobre todo é unha lei que responde con contundencia contra aquelas persoas que maltratan, torturan ou se comportan indebidamente cos animais. É fundamental enviar dende os poderes públicos unha mensaxe clara contra o maltrato animal e, para poder acadar este logro, temos que promover iniciativas de sensibilización, educando a todo o conxunto da sociedade, a poder ser xa dende os colexios e por suposto todo isto ten que ir acompañado do endurecemento das sancións cara a aquelas persoas que non saben convivir cos animais.

Pero tamén é verdade que dende os concellos nos vemos con moitas dificultades á hora de regular as Leis posto que case sempre van acompañadas dun custe económico do que moitas veces non dispoñemos ou é insuficiente. Neste caso en concreto temos que ser prudentes e valorar os problemas que acontecen no día a día en cada un dos concellos galegos. Creo que non hai lugar a dúbidas de que para todos os Alcaldes, os veciños son a prioridade absoluta. Pero isto non quita que os cargos públicos fagamos todo o que está nas nosas mans para non descoidar tampouco o benestar dos animais.

É importante recoñecer a labor que están a facer asociacións e colectivos protectoras de animais, grazas ao financiamento de socios ou achegas cidadás. Pero tamén hai que recoñecer o traballo diario que están a desenrolar a maioría dos concellos con recursos limitados para que animais e persoas cohabiten, pero deixando sempre claro que as necesidades das persoas deben de prevalecer sobre calquera outra cuestión.

O texto é un bo punto de partida para seguir avanzando posto que se tiveron moi en conta as emendas presentadas polos diferentes colectivos. O novo documento recolle a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, no que están representados a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as asociacións de protección e defensa dos animais, o Consello Galego de Colexios Veterinarios, e entidades ambientais.

É unha Lei froito do diálogo porque o que si está claro é que o benestar animal, como o das persoas, é incuestionable.