«Buscamos que Eido Dourado sexa máis que un espazo expositivo»

sara gil / M. C. BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA CELSO DOURADO

O programa cultural deste espazo acolle danza, teatro, talleres para nenos e máis

30 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Celso Dourado abriu por novena tempada este verán o espazo Eido Dourado en Barreiros, onde a arte do noso país ten un lugar no que medrar... E hai tres días pechou as portas por este ano, cun balance máis que positivo das actividades que se organizaron ao longo destes meses. Neste recuncho houbo concertos, teatro, danza, talleres para nenos e tamén se renovou a exposición con novas pezas do autor. Todo, como el di, «gratuíto e altruísta», para potenciar a cultura que temos preto da casa. Os concertos, enmarcados no ciclo Sons ao Solpor, acolleron a unha grande variedade de artistas. Entre eles, Mónica de Nut, que presentou nel o seu disco «Raíces Aéreas»; ou o grupo Odaiko, que fixo retumbar coa súa percusión o entorno da praia de As Pasadas, onde se ergue Eido Dourado. As tardes foron dos máis pequenos, cos laboratorios creativos dirixidos por Lucía Vila, e que despertaron a curiosidade artística de nenos e nenas. «Síntome moi ledo de aguantar firmemente esta bandeira de promover eventos con escasos recursos», apuntou.

-Cal é o balance deste verán en Eido Dourado?

-Moi positivo, dada a cantidade de actividades que se organizaron e a acollida que tiveron.

-De todas as opcións de ocio ofertadas, cal foi a que máis gustou ao público?

-Creo que os laboratorios creativos para os pequenos e o ciclo de concertos Sons ao Solpor son as que máis público tiveron. Os laboratorios creativos para os pequenos estaban impartidos por Lucía Vila e tiveron lugar nas tardes de xullo e agosto. Dentro do ciclo de concertos Sons ao Solpor -que tiveron lugar en Eido Dourado e no Cámping Gaivota- púidose escoitar a moitos artistas galegos e que presentan un aire fresco na nosa música.