Victoriano López García, o Señor do cine


Sen lugar a dúbidas, o mindoniense máis destacado dentro do mundo cinematográfico é o enxeñeiro industrial Victoriano López García quen, na IV edición dos premios Goya recibiu o premio de honra en recoñecemento a toda unha vida adicada ao cine de mans do seu alumno, Luis García Berlanga. Victoriano ingresou na Subcomisión Reguladora da Cinematrografía en marzo de 1940 co cargo de xefe de sección de materias primas e laboratorios. Cando se disolveu esta subcomisión, pasou ao Servizo de Ordenación Económica da Cinematografía, sendo designado subxefe do servizo e xefe da sección de industria tal e como se publica no B.O.E. do 12 de xuño de 1952. Tempo máis tarde desempeñou o cargo de xefe de créditos e secretario técnico do Instituto Nacional de Cinematografía, xefe de mercados cinematográficos e de subvencións.

Ao inicio dos anos corenta do pasado século inicia o seu labor como docente nun curso de cine organizado pola Escola Especial de Enxeñeiros de Madrid e a finais desa década fundou e dirixiu o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas (IIEC), que posteriormente se pasaría a chamar Escola Oficial de Cinematografía. Foi profesor de destacados directores como Luís García Berlanga, José Luís Borau, Juan Antonio Bardem e Carlos Saura, entre outros. Tivo tempo tamén para fundar e dirixir a revista “Cine experimental”, coa cal editou once números no ano 1945. “Técnica del cine sonoro, en color y relieve”, “Lecciones sobre cinematografía”, “La industria y la producción de películas”, “La industria cinematográfica española”, “Electroacústica”, “Acústica” ou “Chequeo al cine español” son algúns dos tratados que publicou o mindoniense.

A XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo (SICA) que terá lugar do 18 ao 23 do vindeiro mes de setembro está adicada a Victoriano López García. Con tal motivo, o grupo fotocinematográfico “Fonmiñá” vai editar un libro no que o profesor Emilio Carlos García Fernández, Catedrático da Universidad Complutense de Madrid, publicará o maior estudo realizado ata o momento sobre o gran renovador do cine español. Noutra parte do libro faise un repaso pola historia do cine e o audiovisual en relación con Mondoñedo.

Victoriano naceu o 22 de marzo de 1910 no número 16 da rúa Leiras Pulpeiro de Mondoñedo nunha casa na que loce, desde o ano 1999, unha placa que o recorda dicindo: “Aquí naceu Don Victoriano López García, Enxeñeiro industrial e ilustre mindoniense, que adicou a súa vida a engrandecer o cine español. 30 de abril de 1999. Centenario do cine en Mondoñedo”. O Señor do cine morreu en Madrid o 31 de agosto de 1995, o vindeiro xoves fará 22 anos.

Por Fran Bouso Mestre e escritor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Victoriano López García, o Señor do cine