«Non poido dicir que deixe o fútbol sala para sempre, gústame demasiado»

A MARIÑA

CAPOTILLO

A xogadora focense decidiu non renovar polo Burela tras unha dura campaña por problemas laborais

29 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras case dúas décadas adicadas ao fútbol sala, Claudia (Foz, 1984) fai un parón. «Non podo dicir que me retire definitivamente», matiza. Motivos laborais forzaron á focega a non aceptar unha oferta de renovación dun Pescados Rubén-Burela no que di que as portas quedan abertas. Unha grave lesión na final da Copa 2016 xa a mantivera entón case un ano inactiva, aínda que forzou para rematar o pasado curso.

-Intúo que foi un ano complicado tras o esforzo para chegar á Copa...

-Moi complicado. Lesioneime en xuño e os seguintes meses foron de moito traballo simplemente para voltar a andar con normalidade. E en novembro confirmáronme que debía pasar polo quirófano xa que a articulación do nocello está bastante limitada. Tiña descartado volver a pista esa tempada, pero tras a operación vin que todo evolucionaba perfectamente, e, entre a gran melloría e as chamadas do Burela, decidinme a volver. Comecei a correr a principios de febreiro coa idea de chegar á Copa e en abril xa estaba adestrando con case toda normalidade e disputei catro partidos de Liga.

-Foron 17 anos case ininterrompidos. Custoulle moito deixar o fútbol sala?

-Non son capaz de dicir que me retiro definitivamente. O fútbol sala gústame demasiado. Pero atópome cansada. Veño dun ano de moito traballo no que tiven que compaxinar o traballo de recuperación do nocello co de mestra, as clases e o estudo de oposición… Agora a miña situación laboral non me permite estar no equipo con total normalidade. Podo traballar en calquera lugar de Galicia, o que implica non poder asistir aos adestramentos. Son unha persoa á que lle gusta facer as cousas ben, non a medias, e o Burela é un club profesional no que o 100 % dos días se adican ao fútbol sala.

-Vivir do fútbol sala para unha muller segue sendo case imposible, non?

-En España só poden facelo «algunhas xogadoras de clubs como o Futsi Atlético, o Burela ou o Ourense-Envialia. Pero que o fagan con tódalas xogadoras dun mesmo club, hoxe, é imposible. Os nosos soldos están moi lonxe dos que se manexan nos clubs masculino de Primeira ou, incluso, Segunda.

-Intentaron no club que seguise xogando?

-O Burela chamoume varias veces para dicirme que querían contar comigo. Pero entenderon a miña situación e deixáronme as portas abertas. É de agradecer.

-Só saíu de Burela, a Valladolid, no ano no que gañou a primeira liga...

-Volvería tomar aquela decisión. Foi un ano especial e que recordo con alegría. Precisaba un cambio a nivel persoal e deportivo, e Valladolid deumo. A nivel académico tamén foi importante xa que realicei o Grao en Primaria.

-A débeda daquela liga saldouna en 2016. Deulle máis alegrías ou choros este deporte?

-Alegrías, sen dúbida. Tamén houbo lágrimas, claro, pero quédome cos bos momentos. O resto está para aprender. Entre as alegrías quédome co ascenso a División de Honra. Éramos «unha familia» cuns dez afeccionados que nos facían vibrar e sempre estaban pendentes de nós. Loxicamente tampouco esquecerei nunca a consecución da Supercopa e da Liga.

-E gañou iso sendo a única xogadora que estivo no antigo Foz FSF. Ten mérito.

-Nunca me imaxinei poder alcanzar algo así. Partín dun equipo do pobo no que xogaba para divertirme e nin por asomo pensaba en poder conseguir algún título a nivel nacional. Nunca me parei a pensar niso ata que despois de varios anos competindo na máxima categoría e quedando sempre entre as seis primeiras empezou a converterse nun soño que quería e vía que podía conseguir.

-Non imaxinara antes algo así?

-Nunca. Cando xogaba en Autonómica quería conseguir o ascenso á máxima categoría, pero non estaba disposta a xogar por toda España. Por un lado vía imposible que un equipo dun pobo pequeno puidera xogar por toda España, e ademais parecíame unha loucura andar tantos quilómetros para xogar un partido. O tempo ensinoume que estaba completamente enganada e que fun unha privilexiada por poder gozar diso.