«A día de hoxe só queda este barco boniteiro de madeira en Galicia»

Dende 1998 é posible visitar en Burela esta embarcación-museo sobre a pesca

.
m.c.
burela / la voz

Lino Pernas (Covas, 1964) leva vivindo case 30 anos en Burela, onde sempre traballou en profesións relacionadas co porto. Agora leva ano e medio sendo o guía do barco museo «Reina del Carmen» de Burela. O seu pai e o seu avó paterno foron mariñeiros, polo que a auga salgada estivo sempre presente na súa vida. Non lle foi complicado familiarizarse coa información que dá aos moitos visitantes que se achegan a este museo nas ondas... Mais a súa labor vai máis aló. É tamén o encargado do mantemento diario deste barco. «Hai que ter paciencia, pero gústame moito o meu traballo», explica. Porque coma o movemento do mar, aquí as visitas fanse paseniño e con toda a precaución que hai que ter cando se navega.

-Que importancia ten o barco museo nun lugar como Burela?

-Abriu no ano 1998 coa intención de transmitir ás novas xeracións cómo era un barco boniteiro de madeira. A día de hoxe só queda este barco boniteiro de madeira en Galicia, e é tamén toda unha homenaxe á xente do mar. Burela substentou durante moito tempo a súa economía na pesca e é unha maneira de coñecer máis sobre esta tradición. Conta tamén coa bandeira azul de museos, o que é un recoñecemento moi importante.

-As visitas son sempre guiadas?

-Si, eu estou de maneira permanente facendo o percorrido. Ademais, gústame moito. Hai que ter paciencia, pero gústame moito o meu traballo, e ver como á xente lle agrada aprender máis.

-De onde vén xeralmente a xente que se achega?

-De todos os puntos de España. No inverno recibo moitos colexios, de maneira gratuíta, tanto de pobos de cerca como dalgún sitio máis lonxe. Hai tamén turistas que veñen a propósito a visitar este barco museo porque o ven na prensa ou na televisión.

-Que é o que máis lle sorprende aos visitantes?

-Os nenos quedan mirando para os detalles, como o tema dos baños, que no caso deste barco son baños turcos, como se empregaban nos anos cincuenta e sesenta polos mariñeiros. A neveira está reformada para acoller unha exposición de artes de pesca, e é tamén unha explicación que chama moito a atención, xa que non só falo do bonito, senón de máis tipos de pesca. Nunca me coincidiu que saíse alguén descontento da visita. Tamén gusta moito a ponte porque é onde están todas as máquinas e é onde tamén se dá unha explicación detallada.

-Cal é o horario de visitas?

-No verán hai visitas guiadas de martes a domingo, ás 11.00 horas, ás 12.00, ás 13.00, ás 17.00, ás 18.00. A última faise ás 19.00 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A día de hoxe só queda este barco boniteiro de madeira en Galicia»