«Podería haber de 300 a 330 cruceiros, cruces e petos de ánimas na Mariña»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

OSCAR CELA

Este mestre xubilado é o encargado do inventariado e catalogación na comarca

24 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas presentou o pasado luns no Museo Provincial de Lugo o libro de actas do VIII Congreso Galego de Cruceiros celebrado en San Paio de Narla. Na obra, con 22 autores, inclúese o estudo feito en Burela e Foz por Mario Saavedra, mestre xubilado que forma parte do chamado Grupo Carboeira e da directiva da asociación. El é o encargado da labor de inventariado e catalogación en toda A Mariña e tamén é corresponsable na Terra Chá.

-Como leva ese traballo, intenso e extenso, nesta comarca?

-Fixen os traballos de Alfoz e de Ourol, ambos para publicar; tamén os de O Valadouro, Foz e Burela. Este ano estou facendo o de Cervo e, se me dá tempo, farei o de Xove. O de Viveiro tamén está feito. Na Mariña quedanme Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá e Mondoñedo. Calculamos que en dous anos estará rematada toda a provincia de Lugo. As de A Coruña e Pontevedra están feitas; quedaríanos Ourense. Para o ano 2020 prevemos que o traballo de cruceiros de toda Galica estea completo.

-Quenes son os que o fan?

-A maior parte de nós somos toprofesores ou exprofesores.

-Na presentación do libro, a Deputación sinalou: «Na actualidade, Galicia conta con máis de 8.000 cruceiros, considerados Bens de Interese Cultural (BIC)».

-Distinguimos cruceiro, cristo, cruz, peto de ánimas, peto esmoleiro e calvario. É o que pretendemos catalogar. Sumado todo, poderiamos acadar os 10.000 elementos etnográficos en Galicia. Nalgún concello chámanlle cruz ao cruceiro. Un cruceiro consta dunha plataforma, unha base, un varal, un capitel e unha cruz que pode ter a efixie de Cristo ou da Virxe. Un cristo sería unha cruz co Cristo cravado. Unha cruz... é unha cruz simplemente. O peto de ánimas é unha edificación onde aparece o purgatorio, o camiño do ceo e o ceo. No peto esmoleiro deixanse esmolas e normalmente están dedicadas a un santo ou santa. O calvario son tres cruces onde aparece Cristo, san Dimas «El Buen Ladrón» e Gestas «El Mal Ladrón». Con respecto ao viacrucis, a xente entende que ten 14 estacións, pero hainos de máis e de menos. No libro de Alfoz expliqueino bastante ben porque na Mariña chámanlle cruceiro a todo pero noutras zonas da Terra Chá chámanlle cristos a todo. É a forma de identificar.

-Algún cruceiro noso curioso?

-Dos que máis me chamou a atención un é o cruceiro do Carme, no camiño de San Rosendo, en Foz. Tamén me lembro doutra cruz, na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, tamén en Foz. Alí vai e dime unha señora ‘¡é que che está alí!’... pero eu non a atopaba. Entón veu a máquina do Concello e apareceu. Chámanlle a Cruz Blanca. Por que? Ata os anos 60 os nenos que nacían mortos enterrábanse desa forma e moitos cruceiros e cristos foron lugar de enterramento de nenos nacidos mortos.

-Seguramente haberá moitos cruceiros tapados pola maleza ou que xa non están no seu lugar. Como se podería protexer todo ese patrimonio tan valioso?

-Penso que facendo o que estamos facendo nós, cun traballo de investigación, de catalogación e de difusión.

-Se tiveramos que dar unha cifra estimada de cantos cruceiros, cruces, etc... pode haber na comarca da Mariña, cal sería?

-A ollo de bon cubeiro... podería ser entre 300 e 330 na Mariña.

-Todo iso require un gran estudo de campo. Non tería problemas cos cans das aldeas, anécdotas.

-Con algún can si, un que me roeu o coche por diante. Igual que os carteiros. As anécdotas que vivín daban para outro libro. A xente é estupenda, atópome xente do interior que é un fenómeno, de serie, pero non hai moito a quen preguntar porque os mellores coñecedores de todo isto son os cazadores, os carteiros e os que teñen gando de monte. Todo o que era prado está hoxe prantado de pino e eucalipto. De feito, para chegar a unha cruz en Alfoz, fun co alcalde e levounos máis de hora e media ir e outra vir. Preto de catro horas para buscala! Se queres facer un traballo ben feito tes que moverte. Ademais, este é un traballo que facemos sen ánimo de lucro, gastando do noso peto. Sei que o Concello de Alfoz vai publicar o libro dos seus cruceiros e creo que ningún concello da Mariña vai poñer impedimento para publicacións propias, nalgúns porque xa falei con eles. Facer un traballo que leva moitas horas e deixalo nun arquivo é triste. Levo dende 1984 estudando os cruceiros. Tamén estudo os xogos populares en Galicia.

-Haberá congreso na Mariña?

-Si, en novembro no Museo Provincial do Mar en San Cibrao (Cervo). Será o noveno.