«Teño 22 vacas e cada unha con nome»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Organizan un ano máis a feira de gando tradicional do día de san Bartolo en Xove

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

María Jesús Cuadrado Casariego é muller de campo. E dende hai algo máis dun ano a presidenta da Comunidade de Veciños Costa de Laxamoura, formando parte dunha directiva que completan outras tres mulleres máis. Elas son Benedicta Otero, Lorena Pérez e Isabel Fra. A feira de gando que este xoves se celebrará en Penasagudas (San Isidoro de Monte-Xove) é das clásicas na Mariña. E neste caso, de novo con organización 100% feminina.

-Queda pouco para o día 24.

-Agora estamos a preparar os curros para que todo saia ben e veña a xente de fóra co gando.

-Que quede todo ben vaiado non vaia ser que escape un touro...

-Por iso! Non queremos que nos pase! O ano pasado todo saíu ben.

-Colleulle o gusto a presidir a comunidade veciñal... ou non quedou máis remedio?

-A ver, contra gusto tampouco estamos. Na comunidade temos que seguir tres anos máis, a ver que pasa cando toque o relevo. Agora estamos máis relaxadas na directiva, temos un enxeñeiro de montes de asesor. E tamén, e isto hai que dicilo, temos uns maridos que nos axudan moito.

-Cre que hai suficientes mulleres no sector gandeiro en xeneral?

-Na miña parroquia... home, non é que haxa moitas. No sector gandeiro as mulleres métense pouco porque non compensa meterte a gandeira tal e como están as cousas. Si, isto falo por amor á arte, porque gusta. E na miña casa levamos moito tempo. Estiveron meus pais, meus sogros...

-Case é difícil atopar no sector alguén que non nacera dentro del.

-Tamén hai xente que non nacera e que lle guste, pero polo xeneral si, é xente que temos gando na casa, polo menos aquí en Penasagudas. Agora somos 40 comuneiros. Foi morrendo xente, outra foise ou se retirou e quedou a explotación abandonada.

-Algo que non lle deixe durmir aparte de enfermar unha vaca?

-A Administración tiña que apoiar máis ao sector gandeiro. Din que nos apoian pero non se ve tanto apoio como din. Realmente, imos tirando.

-Cantas vacas ten a explotación?

-Vacas de carne, sobre 22. E tamén 7 ou 8 bestas.

-Distingue a cada unha das 22?

-Si, e cada unha con nome: Valentina, Pelota, Diana... As miñas vacas coñézoas todas. Os animais son moi listos e a veces máis agradecidos que as persoas. Tiven unha becerriña que a criei tres meses ao biberón, coma un pícaro, porque lle morrera a nai. Ao ser criada así vendímola porque non quería máis que estar xunto min e para estar no monte, non se defende igual. Era Valeria.

-Cantas reses calculan que poderá haber na feira de gando?

-Sobre 600 ou 800. Esperemos... Tamén esperamos ter bo día. É o día do santo ademais, san Bartolo, tanto en Xove como en Penasagudas. Pero festivo local non é; hai anos era. Ese día veñen gandeiros de fóra e da parroquia.

-Soen ser boas as vendas?

-Depende de como veña a xente para vender. O ano pasado tamén tivemos ovellas á venda e cochos, era a primeira vez que había.

-En Penasagudas falla a cobertura de móbil. Como se leva iso?

-A dicir verdade... así vívese moito máis relaxado na aldea ¡e vendo como están os tempos!