«No Osa intentamos seleccionar as bandas con bastante cariño»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O Osa do Mar promete na fin de semana en Burela

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Osa do Mar é o festival que encherá de boa música, e diferente, Burela. Será esta fin de semana. Reimunde, da organizadora Fanto Fantini, explica cómo se pode etiquetar a cita: «Igual este ano hai algo menos de pop-rock, pero dicir que é un festival variado é un bo adxectivo».

-Dixeron que era o máis raro de Galicia.

-Ségueo sendo. Que conste que agora hai máis festivais que fan o que facemos nós. Pero fomos pioneiros á hora de mesturar propostas musicais diferentes.

-Músicas independentes, ¿non?

-Os grupos que veñen son bastante independentes, non comerciais. É a súa forma de traballar, son pequenos, non os escoitamos en Los 40 Principales, pero algún si que se pode chegar a escoitar en Radio 3. Aí si que soan bastante.

-Moitas bandas. Algunha a destacar?

-León Benavente. Tamén The Bots que veñen de California para dar o seu único concerto en España. Outros potentes son Angel Stanich e tamén outro que gusta moito á xente máis nova, cun rap suave con ritmos tropicais e son de Canarias, Locoplaya. Ou Rufus, que é coñecido. Non nos gusta dicir que son cabezas de cartel. Intentamos selecionalas bandas con bastante cariño.

-Percíbese certo bum festivaleiro.

-Hai unha burbulla festivaleira. En Viveiro está a mostra perfecta e é que xente vai ver tanto á Panorama como ao Resu, cousa que antes non pasaría. Hoxe, a xente opta pola música en directo e non lle ten medo nin ao Resu... nin ao Osa. É raro que non guste a música en directo.

-Con respecto ao Osa cero, como é este?

-Segue na mesma liña. Dende o principio non sabiamos se nos iamos a convertir nun gran festival. Fomos pulindo e imos subindo un pouco de asistencia.

-Algún cálculo ao respecto?

-Calculamos que podemos pasar de mil persoas por día. A venda de entradas anticipadas vai ben. É un festival bastante barato e que non sube moito de prezo.

-Este ano hai novidades de localización.

-Movemos 200 metros o escenario Mao Osa do Mar e metémolo dentro do recinto do campo do fútbol. Onde estaba o ano pasado, pasa a ser este ano o aparcamento. O lugar, A Marosa, está ben.

Marcos Reimunde anima a todo o mundo a achegarse ao Osa do Mar. A mesma mensaxe enviou o alcalde burelense, Alfredo Llano, impulsando o festival.