Engádega sobre periódicos ribadenses

Eduardo Gutiérrez OPINIÓN

A MARIÑA

16 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo, tivemos ocasión de publicar un conciso traballo dedicado aos periódicos ribadenses, ainda que cinximos o estudo só a uns poucos, entre outras razóns, e así o advertiamos daquela, porque non dispoñiamos do acceso a todas as publicacións periódicas. Mesmo na actualidade algúns seguen sendo para nós parcialmente inéditos, ainda que poidamos dar conta da súa existencia por referencias bibliográficas, pesie a que non accedéramos ao seu corpus, ou o fixéramos parcialmente. Tanto ten, pois se valoramos non o número de citas daquel sucinto estudo, senón o de fusilamentos, ou sexa o de copias fraudulentas con total impunidade, recadamos azos dabondo para volver, tamén parcialmente co asunto, ainda que curándonos en saúde percuramos información, que non imos utilizar na súa totalidade nesta ocasión, e ademais das propias pescudas, acudimos a Soto Freire, Carré Aldao, Pérez Constanti, Couceiro Freixomil, Santos Gayoso, Pérez Pais, Fernandez Pulpeiro, José Antonio Durán, etc.

Existiron máis periódiocos dos que soen citarse, e máis circunstancias alén dos vencellos políticos, á parte de aqueles propios da prensa explícitamente partidaria ou confesional, como poden ser El Radical del Eo ou Bandera Católica. Certamente que de todo aquel florecimento de medios de comunicación, desde o inicial La Cuenca del Eo, só pervive La Comarca del Eo. Acostúmase a facer referencia a Las Riberas del Eo, pero en moi contadas ocasións a La Voz del Pueblo e a Ribadeo que nada ten que ver con Ribadense, amplamente lembrado con certa enigmática señardade. O primeiro ?Ribadeo- fundouse en 1934, por Etelvino Méndez Martínez. e durou pouco máis dun ano, e o segundo ?Ribadense-, é de 1909, permaneceu en activo vinteún anos e era de tendencia máis ben conservadora.

La voz del Pueblo, fundouse en 1910 por Celestino Pérez Andrade que foi o sogro de Francisco Lanza Alvarez e o proxenitor de Lino Pérez, un ribadense de moito protagonismo nos círculos nacionalistas en Buenos Aires, en posicións inicialmente arredistas na Sociedade Nazonalista Pondal, e arroutado colaborador de A Fouce ?da que foi director-, por certo xunto con outro ribadense, o pintor e escritor Clemente López Pasarón, que a diferenza de Pérez, si fai referencias nos seus traballos a Ribadeo, sobre todo a algunhas personalidades.

Medios de carácter xeral

Asegura o especialista Enrique Santos que a tendencia deste quincenario, era católico-republicana e segundo a profesora Carme Pérez Pais, na presentación di ser unha publicación imparcial, destinada aos obreiros baixo o lema da concordia e da consideración á dignidade humana, e de tolerancia no campo ideolóxico das teorías e das crenzas. Resulta significativo segundo esta autora, a posición sobre o feminismo, xa que no número inicial, nun artículo asinado con seudónimo dise que «a verdadeira emancipación da muller non debe considerarse no exercicio dos direitos políticos (…) xa que outros máis urxentes ten que acadar (…) Igualada ao home polo Código Penal, xusto é que reclame tamén a ilustración do home. A cultura dos sexos debe ser igual, posto que as necesidades da vida moderna lanzan á muller á loita social». Precoces parágrafos para 1910, mesmo nunha vila como Ribadeo, que en determinados anos chegou a acobillar tres publicacións de carácter xeral simulatáneas.

Aludiamos antes ás publicacións claramente confesionais e aos voceiros politicos. Mais destes ademais de El Radical del Eo, voceiro do Partido Republicano Radical, que dirixiu en 1932 Leopoldo Fernández Cardoso, cómpre citar Parladoiro, do BNG que comezou en 1983. En canto aos medios de carácter xeral o último en aparecer foi Beiramar, subtitulado Correo da Mariña, con sede en Ribadeo pero de carácter comarcal. O numero inicial é de febreiro de 1987 e o derradeiro do 31 e decembro do mesmo ano, ou sexa vai para trinta anos. Imprentábase en Viveiro, pero non todas as publicacións ribadenses se editaron sempre aquí, por exemplo Ribadense nun tempo en Mondoñedo e La Voz del Pueblo en Luarca.

Cóntase na localidade con emisora de radio, e mesmo cun precedente de 1986 como foi Radio Nordés. Tan só fica inédito o eido da televisión.