«Sorpréndeme a complicidade coa que as mulleres entenden o fútbol»

A MARIÑA

CEDIDA

O novo equipo feminino ribadense xoga hoxe ante o Navia o primeiro partido de preparación para o curso en Segunda

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Rial (Vieiro-Viveiro, 1983) é o encargado de liderar desde o banquillo o primeiro proxecto federado de fútbol feminino na Mariña. O ilusionado adestrador do Ribadeo FC verá por fin ao seu equipo en acción hoxe ante o Navia (Pepe Barrera, 16.30 horas). Será o primeiro encontro de preparación para o curso en Segunda Galega.

-¿Como foron os primeiros adestramentos?

-Moi ben, cun gran ambiente. Son moitas rapazas e nótase que teñen ganas de xogar ao fútbol.Estou moi ilusionado con todo.

-Elas tamén?

-As cativas están encantadas, dá gusto velas. A maioría xa viñan sabendo o que é un balón, teñen bo nivel e unha gran implicación.

-Están preparadas para o primeiro partido contra o Navia?

-Loxicamente fáltalles rodarse, pero eu véxoas preparadas. Vano dar todo, e malo será. Intentar vaise intentar.

-Poden gañar?

-Nin sequera sei en que categoría están elas, foi un dos partidos amistosos que xestionou a directiva. Pero teño un grupiño moi guapo e creo que se lles pode plantar cara e, incluso, gañar.

-No primeiro adestramento eran 28 mulleres, siguen todas?

-Empezaron 28 e agora xa son 33. E só podemos facer 25 fichas. Aí vou ter un problema... Iso é o peor.

-Está moi complicado escoller?

-Non é que sexa complicado, pero unha vez aquí, conforme pasa o tempo colles confianza con elas e non gusta ter que deixar a alguén fóra.

-Que se apuntasen 33 demostra que hai interese polo fútbol feminino na Mariña.

-Iso é. Dáme moita pena que non haxa nada en Viveiro porque hai rapazas de sobra que queren xogar ao fútbol. Por sorte saíu isto, e a directiva do Ribadeo acolleunos cos brazos abertos. É unha marabilla como nos tratan.

-Xogarán en Segunda División galega, que obxectivo se propoñen?

-O meu primeiro obxectivo é facer un grupiño competitivo, ser un equipo. E despois intentaremos gañar todo o que se poida. Oxalá ata ascender, iso sería o no va más.

-As rapazas teñen experiencia como xogadoras federadas?

-Parte delas no fútbol sala; no fútbol creo que ningunha. Pero cos adestramentos vanse adaptando perfectamente. A verdade é que dá gusto velas xogar.

-É un equipo moi novo?

-Hai de todo. Temos algunha rapaza de 14 anos, e tamén algunha de 40 e pico. Xuntousenos xente de A Pontenova, máis as de Ribadeo, máis as oito de Viveiro que veñen comigo.

-Seguro que afeccionados non lles van faltar.

-Ata eu estou sorprendido polo moitísimo que está chamando isto. Ata aos adestramentos vén moita xente vernos alí en Ribadeo. Dá gusto estar así.