«Quero que este acto sirva de homenaxe a meus pais»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Álvaro Ballesteros

Presenta hoxe na Feira do Libro de Viveiro «O xogo de Babel»

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Elena Gallego Abad, xornalista e escritora galega, fará esta fin de semana unha dobre viaxe, literaria e sentimental. Non ven só á Feira do Libro de Viveiro a presentar O xogo de Babel. Detrás hai unha historia persoal profunda, a das orixes viveirenses de súa nai, que nacera na rúa Díaz Freijo/Luis Trelles: «Cando se enfadaba con nós mandábanos a Pénjamo ou cando quería dicir que algo estaba moi lonxe dicía que estaba en Pénjamo e eu non sabía que quería dicir con Pénjamo... ata que cheguei a Viveiro».

-Que sente por estar hoxe na Feira do Libro viveirense?

-Quero que este acto sirva como recordo e homenaxe a meus pais, recentemente falecidos: Carme Abad Paleo e Eladio Gallego. Aínda que afincados na vila de Verín (Ourense), meus pais eran moi coñecidos en Viveiro porque todos os anos adoitaban acudir ás celebracións da Semana Santa. Miña nai pertencía á Confraría do Nazareno dos de Fóra. Foi dende o seu pasamento, para min aínda recente, cando eu comecei a coñecer quen foi en realidade miña nai, detalles da súa infancia vencellada ás rúas da Pescadería viveirense(...) Coido que a miña presenza nesta Feira do Libro que se celebra na vosa vila é a mellor homenaxe que podo facerlle, coas amizades e algún familiar que aínda poida ter aquí, e que me gustaría moito chegar a coñecer.

-Xornalista e escritora. Inflúe a primeira na segunda ou ao revés?

-A ficción permíteche licenzas literarias que a realidade non permite. Aínda que moitas veces se di iso de que a realidade supera a ficción, e é certo, despois a forma de escribir é distinta. Se queres enganchar ao lector, tes que facer que visualice cousas. Se traballas nun xornal, tes que ceñirte aos feitos. Eu quédome coas dúas formas de escribir.

-Que escritores lle inspiraron?

-O meu pouso son bibliotecas enteiras. Lembro que con 12 anos os Hollister acabáranseme ou que devoraba novelas de Agatha Christie. Pero se tivera que dicir un autor coma o que me gustaría escribir, sería Stephen King. De momento, non fixen nada de terror... Estou a tempo. É o modo de escribir aditivo o que me gusta.

-O xogo de Babel, explica, é unha novela de viaxes, un triángulo amoroso nos inicios da era de Internet... Unha novela que racha co publicado ata agora en Galicia. Por certo, como leva o cambio das novas tecnoloxías?

-Hoxe, buscas traballo por Internet, viaxas por Internet, coñeces xente por Internet... Antes ligábase nas verbenas ou na procesión, pero hai que evolucionar cos tempos. O curioso é que O xogo de Babel custou anos publicala; quizás aínda non estaba madura pero agora xa caeu do guindo. Estou contenta co resultado.

-Con Dragal tamén debe estar. Todo un éxito da literatura xuvenil. Tamén terá lectores adultos.

-É de fronteira, porque poden ler a saga novos e adultos. Teño fans de 70 anos de Dragal porque realmente é unha saga histórica.

-Haberá quinta entrega?

-Si. Ando niso e ao mesmo tempo buscando a meu avó. A Viveiro volvín buscando tamén a historia da miña familia. El naceu nas Cortes e morreu no ano 37. Pero miña nai morreu sen saber como morrera seu pai... e eu teño que cumprir unha promesa que lle fixen a ela.