«Por dez euros pode mercarse artesanía»

SARA GIL, Y.G. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Na feira que abrirá mañá en Viveiro haberá miles de produtos a prezos moi variados

10 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá venres inaugurarase ás sete da tarde nos Xardíns Noriega Varela a XXXIV edición da Feira de Artesanía de Viveiro. Ao longo de todos eses anos moitos artesáns se deron cita para mostrar ao público os mellores produtos elaborados con delicadeza, esmero e paixón. Como motor desta Feira de Artesanía atópase a Asociación PROA (Polo Respecto Ós Artesáns), da que Noela Feal é presidenta, para velar que unha parte da cultura tradicional non perda o seu protagonismo.

-Cales son os requisitos para poder participar como expositor na feira?

-Agora está pechado o prazo e a selección feita, pero ademais de realizar os trámites necesarios, nós asegurámonos de que todos sexan artesáns autónomos. Preocupámonos de que os postos que veñen sexan recoñecidos profesionalmente como artesáns.

-Cantos postos haberá este ano?

-Serán 31 os que se van poder visitar, nos que haberá produtos de todo tipo: obxectos de feltro, sombreireiría, xoiería, coiro, cerámica, cestería, figuras con cravos de ferrar, ganchillo, zapatería, broches e bixutería, pintura en seda, madeira, téxtil, etcétera.

-Que é o máis curioso desta edición?

-Varias cousas. A primeira, é que vén vidro, que houbo algúns anos nos que non había artesanía deste tipo, e tamén madeira, como figuras e demais.

-Hai algunha máis?

-Si. O público poderá usar o noso tear. Será o da tenda de Sra. María e estará situado na parte de atrás do Conservatorio. Iso si, hai que anotarse nunha lista para gardar quenda. Puxemos o anuncio en Facebook e foron moitos os que se anotaron, mais aínda quedan un par de días libres. Para apuntarse neles pódese chamar ao 636737608. Haberá información cuns pasos básicos a seguir por se alguén ten dúbidas.

-Que é o máis barato e que é o máis caro que se pode mercar alí?

-É relativo... Mais o prezo pode variar duns dez euros cos que podes mercar uns pendentes de arxila polimérica a uns milleiros de euros por pezas de téxtil tecidas con liño antigo, ou alfombras que se fan manualmente, nó a nó.

-Hai algún outro tipo de actividades que complementen a Feira?

-Si. Haberá demostracións e talleres, do sábado 12 ao domingo 20 de agosto. Comezaremos esta fin de semana con elaboración e cocción de cerámica Raku na explanada da feira, o sábado ás dez da mañá; e taller de cerámica para nenos e nenas na carpa de demostracións, ese mesmo día ás 19.30 horas. O domingo tamén haberá outros dous obradoiros, un pola mañá e un á tarde, ambos en dous dos stands da Feira.

-Que tipo de colaboracións se reciben para esta feira?

-Temos que agradecer ao Concello de Viveiro a súa colaboración. Tamén á Deputación de Lugo, á Xunta de Galicia e a moitas outras empresas que fan posible que esta xuntanza de artesáns de calidade se siga organizando e xa leve máis de trinta e catro edicións na nosa localidade.

-Cal é o horario de apertura para ver e mercar os produtos?

-Estará aberta entre o 12 e o 20 de agosto. Pola mañá poderá visitarse entre as 11.00 e as 14.00 e pola tarde entre as 17.30 e 22.00.

Horario de apertura. Expositores. Tipos de produtos.

Horario de apertura. Poderá visitarse entre o 12 de agosto e o 20 do mesmo mes.

Horario de mañá: 11.00 a 14.00 Horario de tarde: 17.30 a 22.00

Expositores. A Bugarda, Afeitura, Amalgamas S. Coop. Galega, Astasio, Cerámica Ferreira, Dimo Pintura en Seda, Feitizo, Fonte Meiimil, Hilandocabos, Imavi, Iroma Artesanía, Jatafarta, Jotapunto, Laia Zapateiros, Lucecús, Media Lúa, Mestura de Kores, O Sapo Chosco, O Sol de Inverno, Patapúm, Paula Dimé, Rappa-Taller, Regal Cerámica Artesán, Roberto Fernández, Sacandovirutas, Sra. María Artesanía Textil, Tres Caracoles, Varo e Toño, Vidriomundo, www.artesaniaenplata.com, Xakarandá.

Tipos de produtos. Feltro, sombrereiría, xoiería, coiro, cerámica, zapatería, bixutería, pintura en seda, madeira, téxtil, vidro, etc. Entre uns prezos que poden variar dos dez euros aos milleiros.