«Foi un puntazo cando Matías Prats falara de Galipizza a nivel nacional»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O grupo abre en Vigo o sexto local, unha homenaxe a José Barro e á fábrica de Chavín

08 ago 2017 . Actualizado a las 20:14 h.

Taller Galipizza é o nome co que se bautizou o sexto local do Grupo Galipizza conquistando agora, 24 anos despois do nacemento da firma, terras viguesas. Son arredor de 120 as persoas que a empresa de José Manuel Vázquez Leman e nacida en 1993 en Viveiro emprega no verán entre os seus establecementos repartidos por Galicia (Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago e agora Vigo) e Asturias (Oviedo).

-Coa apertura de Vigo, vese que Galipizza se aproxima a Portugal...

-Pois teño rexistrado o nome en Portugal, por se acaso (sorrí).

-Pensa dar o salto internacional?

-(Rí) Non, non...

-Quedemos na casa. Como foi a reacción á apertura viguesa?

-Moi ben. Estabamos un pouco desconfiados porque nunha feira en Vigo na que estivemos vimos que moita xente non nos coñecía. Pero xa está funcionando moi ben. Tendo en conta tamén como é a cidade no verán... Conseguir o local foi o que máis problemas nos deu. Esperemos que vaia a mellor a partir de agora.

-Galipizza case ten conquistadas as cidades galegas e arredores.

-Son cinco locais en Galicia contando que Santiago volva a abrir en breve, entre finais de setembro e primeiros de outubro. Queda onde me gustaría a min abrir, Ourense, pero a veces pasa que non se dá a circunstancia.

-Creo que a decoración en Vigo ten algo de especial. Conte.

-O meu local favorito é Viveiro. En Vigo a decoración vai ao meu estilo e fixemos unha pequena homenaxe á fábrica de Chavín. Ao ser Vigo, tiñamos claro que ía ser como un taller, por ser cidade de automoción. Unha cousa lembroume a outra. Acordeime de ver de neno cando viñan a carrozar os chasis a Chavín. E viñan de Vigo! Dixen... mira, imos facerlle unha pequena homenaxe a José Barro. Tamén a historia da automoción a fixemos nós.

-Hoxe en día que tanto falamos delas. Como se portan as redes sociais con Galipizza?

-As redes axudan. En xeneral son boas, pero tamén teñen o seu lado malo. É algo que nós traballamos moito e ao que lle damos importancia. Aínda que algúns fan unha crítica e nin saben onde queda o local, a maioría son críticas constructivas e axudannos a mellorar. Aprendemos moito diso. Adoito verlles máis o lado positivo que o negativo. Axuda moito a xestionar de forma diferente certas cousas.

-Que sería, entón, Galipizza se non existiran hoxe redes sociais?

-Estarías menos enriba do cliente. Nós non podemos chegar a facer anuncios de televisión e dependemos moito das redes sociais. Cando inventáramos a «galipizza», foi un puntanzo que Matías Prats falara de Galipizza a nivel nacional. Impulsou a marca, foi o despegue total.

-Parecido ao Resu, que patrocina.

-Evidentemente. É un sacrificio grande o que teño que facer co Resu pero compensa, incluso ao longo de todo o ano.

-Dous produtos teñen moito que ver coa comarca: A Mariña e As Catedrais. Teñen aceptación?

-Pois non son os que máis se venden. A de ovos rotos con zorza, dende o principio, é a Galipizza raíña. Agora a de Friol, pizza que inventamos polo aniversario da Feira do Queixo Friol, andalle aí aí... Está tendo moita aceptación. Agora temos que crear algo en Vigo, que vai ser unha ‘hamburguesa mecánina’. Xogamos coa presentación da vaixela e os cubiertos en forma de chave.

-Se poidera abrir un Galipizza en calquera lugar do mundo...

-Sen dúbida, Barcelona ou Lisboa, pero sobre todo Barcelona.

-É do Barça?

-Aparte diso, Barcelona encántame, estase alí de marabilla.

-Para rematar, pregunta obrigada. Das 16 «galipizzas» que hai na carta, cal é a súa favorita?

-Gustanme todas pero se me teño que quedar cunha esa é a de ovos rotos con zorza.