«O resumo é que as persoas son boas en case todos os sitios»

Xa desde a súa casa, en Sargadelos, Samuel Pazos tómase un tempo de descanso despois de percorrer Europa en bicicleta

d. r.
CERVO / LA VOZ

Samuel Pazos percorreu máis de 8.000 quilómetros montado en bicicleta. Coma case todos nós, de neno era un afeccionado a este vehículo... E continuou con esta faceta deportista moito máis aló. Tan lonxe como ir ata Georgia, no límite entre Europa e Asia. Agora, descansa na súa casa de Sargadelos, preparado para contar todas as anécdotas que os seus ollos e o seu corazón viviron ao longo de case un ano de aventura.

-Que foi o que pasou pola cabeza de Samuel para decidirse a arrancar esta viaxe?

-Moitas ganas de viaxar, e o feito de quedar sen traballo. Non preparei moita cousas antes de saír, só mirei máis ou menos os sitios polos que pasar e tiven como meta seguir rodando ata que me cansara. Ningún tipo de obxectivo máis. Só desfrutar ata que puidese.

-Canto tempo durou a travesía?

-Foron dez meses nos que pasei por España, Francia, Suíza, Alemaña, Serbia, Austria, Eslovaquia, Hungría, Bulgaria, Turquía e Georgia. Máis de 8.000 quilómetros, ata que crin que era tempo xa de retornar.

-Por que escolleu as dúas rodas?

-Desde que era pequeno, desfrutei sempre da bicicleta. Ademais, paréceme moi bonito viaxar nela, e ir descubrindo os diferentes lugares, vendo todo... É unha maneira moi distinta de visitar o mundo.

-Tivo algún percance grave?

-Nada significativo. Moitos pinchazos e algunha que outra rotura de cadea, mais non houbo nada que fose grave. A verdade é que non teño queixa.

-Con que equipaxe partiu cara a aventura?

-Unha tenda de campaña, unha pequena cociña e a roupa necesaria. Non levei moitas cousas, quedei co necesario.

-Fixo a viaxe en solitario?

-Si. Ao principio saín cun amigo, pero el deixouno en Bilbao por motivos laborais, e voltou á casa. Nalgunha etapa tamén fun atopando xente polo camiño, como unha rapaza coa que fixen o traxecto Viena-Eslovaquia. Polo demais, pedaleei só.

-Cal foi a experiencia de viaxar por tantos países e convivir con culturas tan diferentes?

-Recibíronme moi ben. Sorprendeume a hospitalidade de todos os sitios nos que estiven. Danche comida ou mesmo un lugar onde durmir. En todos os países son moi amables e acolledores. A aventura serviume, sen dúbida, para coñecer moitas culturas e moita xente diferente.

-Como se organizaba nun tema tan importante como durmir?

-En xeral colocaba a tenda de campaña nun campo e xa podía pasar a noite. No leste, durmía case sempre nas casas. Pedíanche que non pasaras a noite ao aire libre. Esa convivencia coas xentes foi moi especial. Nalgúns fogares mesmo che dan un diccionario se hai problemas coa linguaxe... Interésanse moito por ti.

-Que apuntaría como o mellor e o peor momento?

-O mellor foi todo. O peor, a climatoloxía. Logo, cando todo vai ben, aprécialo moito máis, e valoras con positivismo as boas cousas.

-Cal foi o choque cultural que máis lle chamou a atención?

-Se cadra os países do leste, pero non para mal. Son moi amables e hospitalarios, mais tamén moi concienzudos... Ás veces mesmo poden parecer un pouco cabezudos. Parece que mesmo che obligan a comer, é moi curioso! Teñen tamén moitas tradicións e rituais en canto ao tema da bebida... E iso fai que haxa moitos momentos divertidos ou, cando menos, curiosos.

-Cal é o resumo de todo o que viviu nestes 10 meses?

-O resumo é que as persoas son boas en case todos os sitios. Hai de todo en todas partes, pero a xente boa existe en cada lugar ao que vas. Semella que neste mundo ás veces esquecemos o positivo, e sempre nos centramos no negativo... Entendo que cando les a prensa ou ves e escoitas as noticias, semella que quedamos co malo... Pero a bondade é algo que debería destacar máis, porque é real e porque existe en abundancia.

-Cales son os seus plans máis proximos?

-De momento, descansar no fogar. Preciso tempo para min mesmo e para ter calma. Despois, tentarei buscar traballo. Tamén me gustaría retomar a aventura dende Georgia, mais non nun futuro moi cercano. Deixei a bicicleta ao bo coidado dun amigo, coa idea de continuar a viaxe algún día, coa mesma ilusión coa que a comecei.

Distancia. Máis de 8.000 quilómetros.

Países. España, Francia, Suíza, Alemaña, Serbia, Austria, Eslovaquia, Hungría, Bulgaria, Turquía e Georgia.

Compañeiros. A bicicleta, a tenda de campaña, unha pequena cociña e roupa.

Actualidade. Descansa, coa intención de retomar a aventura nun futuro.

«Deixei a bicicleta ao coidado dun amigo, coa idea de continuar a viaxe algún día»

«O peor foi a climatoloxía, pero así, cando todo vai ben, aprécialo moito máis»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O resumo é que as persoas son boas en case todos os sitios»